publicidade hoxe

O proxecto europeo RuralYouthFuture contribuirá á creación de emprego xuvenil de calidade no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron hoxe na presentación do proxecto RuralYouthFuture, que contou con representación de todas as asociacións socias. Trátase dunha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa de cooperación interrexional Interreg Europe que busca potenciar o emprego xuvenil de calidade e a creación de postos de traballo para a mocidade nas áreas rurais.

A Fundación Galicia Europa lidera este proxecto no que tamén participan entidades de Eslovenia Bélxica, Bulgaria, Estonia, Letonia e Portugal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude no marco do programa Euroxuventude.

RuralYouthFuture vai dirixido á mocidade que vive en zonas rurais e se enfronta a unha serie de dificultades de cara á súa inserción laboral (conexión dixital, despoboamento…), cuestións que son comúns entre as diferentes rexións de España e Europa. O proxecto ten interese en impulsar o desenvolvemento rural sustentable, facilitando o acceso da mocidade que vive en zonas rurais a novas oportunidades laborais.

Durante a presentación do proxecto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou a elección do proxecto liderado pola Fundación Galicia Europa fronte numerosas candidaturas. Do mesmo xeito, salientou os obxectivos de RuralYouthEurope, entre eles, eliminar as desigualdades entre o rural e o urbano, “coa creación e a consolidación de novas oportunidades que reduzan a fenda existente mediante o intercambio de boas prácticas e a promoción e aprendizaxe de novos sistemas que xeren traballo para a nosa mocidade”.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado animou as asociacións participantes neste proxecto a que presenten propostas concretas que “afiancen e poñan e valor o sentimento de orgullo de ser un mozo que pode vivir e traballar en ou desde o rural coas mesmas oportunidades que desde o ámbito urbano e, se cadra, con mellor calidade de vida”. Neste sentido, indicou que para conseguir esta meta queda camiño por diante e moitos retos compartidos por todos os países que necesitan resposta, pero amosouse confiada en que “entre todos sexamos capaces de contribuír a dar solucións e compartir as boas prácticas que actualmente existen”.

EuroXuventude

A plataforma EuroXuventude é o espazo para a mocidade galega no que poden consultar os proxectos e oportunidades que lles ofrece a Unión Europea. EuroXuventude pretende promover unha mocidade e cidadanía galega activa e participativa no proceso de construción comunitaria.

4 de maio de 2023 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.