publicidade hoxe

O Museo de Belas Artes da Coruña incorpora á súa biblioteca unha colección de case 300 publicacións dos séculos XX e XXI sobre a vida e obra de Picasso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia incorpora á biblioteca do Museo de Belas Artes da Coruña unha ampla colección de 294 publicacións dos séculos XX e XXI en distintos idiomas (inglés, francés, alemán e español) relacionadas coa vida e obra de Pablo Picasso que proceden da colección particular de Peter L. Farer, gran admirador do autor.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no acto de entrega desta doazón, onde puxo en valor “a singularidade e importancia deste acto que suporá un paso máis para o coñecemento deste artista”. Agradeceu, ademais, ao seu propietario -presente no acto xunto á súa muller e o seu fillo- o seu “gran xesto” por doar “unha colección de tanto valor que chega, ademais, nun momento especialmente simbólico como é no 50 aniversario da morte de Picasso”, indicou. Xunto ao coleccionista e a súa familia, tamén participaron na entrega a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o persoal técnico do museo, entre outros.

Esta colección, que pasará a integrarse nos fondos da biblioteca do Museo, inclúe catálogos de exposicións de museos europeos e americanos, así como literatura básica de investigadores internacionais de Picasso, biografías, publicacións periódicas e outras achegas. Son exemplares que proceden do mercado internacional do libro e foron recompiladas a través das múltiples viaxes polo mundo que realizou Peter L. Farer, percorrendo gran parte das exposicións sobre Pablo Picasso realizadas nos últimos anos.

Sección específica

Os fondos bibliográficos desta colección ocuparán a partir de agora unha sección específica na sala da biblioteca do Museo, denominada Colección Peter L. Farer, outorgando á biblioteca un grao máis alto de especialización na vida e obra de Pablo Picasso. Amplíase así o fondo da biblioteca sobre o artista e o interese da mesma para especialistas e estudosos da obra de Pablo Picasso.

Como complemento a este acto, esta tarde o Museo de Belas Artes da Coruña acollerá a conferencia Picasso escritor e escrito impartida ás 20,00 horas polo comisario da mostra Picasso branco no recordo azul, Antón Castro, que afondará en máis detalles da importancia desta doazón e as súas pezas.

Calendario de actividades

Con estas accións, a Xunta continúa conmemorando a efeméride con distintas actividades paralelas á exposición Picasso no branco azul que repasa a pegada galega na traxectoria de Pablo Picasso. Pode verse ata xuño e é a única exposición da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España. Nas vindeiras semanas continuarán os ciclos de cine, conferencias, visitas guiadas e obradoiros, entre outras actividades. A programación está dispoñible na web do museo.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.

11 de maio de 2023 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.