publicidade hoxe

O encontro MUMI afonda no intercambio entre as industrias musicais de Galicia e Portugal coa Xunta como principal patrocinadora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou hoxe en Tui na presentación da nova convocatoria do encontro profesional MUMI Músicas do Miño, que desenvolverá a súa cuarta edición do 21 ao 24 de setembro na eurocidade Tui-Valença coa Xunta de Galicia como principal entidade patrocinadora. O evento mantén como prioridade afondar nas relacións e o intercambio cultural con Portugal, nomeadamente co sector musical do norte do país veciño.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou a organización polo mantemento desta iniciativa que, lembrou, naceu en 2020 no marco do programa O teu Xacobeo e que, pese aos atrancos que tivo que enfrontar durante a pandemia, “chega á súa cuarta edición consolidando un espazo común no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o impulso da conexión cultural de profesionais e públicos”.

O responsable de Industrias Culturais da Xunta, quen interveu nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto de entidades colaboradoras de ambas as beiras do Miño, incidiu na dobre vertente do MUMI. Dunha banda, o seu formato de feira profesional propicia o encontro entre os artistas e os seus axentes con xestores culturais e responsables de empresas promotoras e espazos programadores. Doutra, bríndalle ao público a oportunidade de gozar de bandas e solistas de Galicia e Portugal, “contribuíndo así a incrementar unha carteleira conxunta de ocio cultural”.

Inscrición gratuíta

A organización anunciou a apertura hoxe mesmo na web mumimusicas.eu da inscrición gratuíta tanto dos profesionais, para os que permanecerá aberta ata a celebración da feira, como para o proceso de selección dos grupos e artistas que integrarán o cartel musical. Neste caso, o prazo manterase ata o 2 de xuño.

A programación será presentada a finais de xuño e incluirá showcases e actividades profesionais, tanto formativas como rondas de negocio, ademais dos concertos abertos ao público xeral en espazos emblemáticos de Tui e de Valença.

A pasada edición do MUMI congregou máis de 200 profesionais durante os seus tres días de celebración, nos que se desenvolveron 20 showcases, seis faladoiros, máis de 150 reunións e un festival con bandas transfronteirizas.

11 de maio de 2023 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.