publicidade hoxe

Lorenzana sinala que a nova ferramenta tecnolóxica, EMI, que sincronizará oferta e demanda en tempo real porase en marcha este mes en tres oficinas piloto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

Intervención da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta da execución do Plan de acción en materia de emprego 2023, unha programación que inclúe a modernización integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, que xa está a acometer a Xunta cun orzamento de máis de 9 millóns de euros para este ano.

No marco desta renovación integral, Lorenzana avanzou que a nova ferramenta tecnolóxica, EMI (emprego intelixente), que sincronizará oferta e demanda en tempo real, porase en marcha este maio en tres oficinas piloto (Pontevedra, Ordes e Cambados). Probaranse, deste xeito, as primeiras funcionalidades deste sistema baseado na intelixencia artificial que permitirá ás empresas publicar as súas vacantes de forma múltiple e simultánea no Servizo de Emprego e, de xeito gratuíto, noutros portais de emprego e, así, chegar a un maior número de candidatos. O novo instrumento contará cun navegador competencial, para que os orientadores podan obter información sobre as competencias asociadas ás ocupacións; un emulador de ocupacións para buscar o emprego idóneo para cada demandante de emprego; e un recomendador de formación.

Para que EMI obteña cada vez máis información, Lorenzana apelou á colaboración do tecido produtivo e fixo un chamamento para que as diferentes entidades empresariais de Galicia se sigan adhirindo ao sistema de difusión de ofertas de traballo.

A conselleira, así mesmo, indicou que esta mellora do Servizo de Emprego de Galicia acompáñase doutras medidas como é o novo programa de seguimento intensivo e apoio personalizado da demanda de emprego co que a Xunta fará un acompañamento máis polo miúdo a persoas con dificultades para atopar un traballo co fin de integralas no mercado laboral. É un plan pioneiro a través do que os novos 136 orientadores laborais avaliarán polo miúdo cada caso para ver cales son os problemas que dificultan que non atopen un posto de traballo; e para poder dar resposta tamén os empregos que están sen cubrir. A titular de Promoción do Emprego referiuse, ademais, neste reto por renovar o Servizo de Emprego, á mellora das instalacións das oficinas con 3,3 millóns de euros este ano para “seguir tecendo unha rede de emprego accesible, moderna, sostible e próxima”.

Programa de microcréditos

Na súa intervención, doutra banda, indicou que para conseguir que Galicia sexa “unha terra chea de oportunidades”, a Xunta segue a traballar para despregar a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa para avaliar as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios. A rede, que contará con 15 polos, aínda que non está operativa na súa totalidade, xa atende ao 100 % da xeografía galega, apoiando, ata o de agora, 327 persoas emprendedoras (59 % mulleres) e atendendo 307 proxectos. No marco desta Rede, a conselleira indicou que a Xunta está a piques de ultimar, con 2,5 millóns, un novo programa de microcréditos dirixido a emprendedores.

Referiuse, tamén, á Estratexia Galicia Retorna, unha iniciativa transversal de todo o Goberno galego que destinará ao redor do 40 % do seu orzamento e 37 das 100 medidas ao eido laboral. Esta actuación permitiu xa a posta en marcha do programa Retorna Cualifica Emprego e proximamente activarase o programa Retorna Emprendemento, cun millón de euros, para acelerar ideas emprendedoras de emigrantes retornados.

Para rematar, Lorenzana destacou que o obxectivo prioritario destas actuacións, que forman parte da Estratexia da Xunta en emprego, Xempre, é mellorar o mercado laboral, unhas iniciativas que van acompañadas de medidas para crear conciencia e impulsar un cambio empresarial e social que teña o benestar laboral no centro para atraer talento. “Xempre é, en realidade, moito máis: é sustentabilidade nas empresas”, subliñou. Neste senso, a Xunta traballa no impulso de accións como a conciliación e corresponsabilidade, o fomento da RSE ou a loita contra a fenda salarial a través da Estratexia de RSE 2023-2025 e co II Plan de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade, un marco pragmático con 5 áreas estratéxicas, 42 medidas e un orzamento de máis de 1.100 millóns.

En definitiva, a conselleira concluíu afirmando que a Xunta traballa para xerar máis e mellores oportunidades laborais apoiando a quen se atope en situación de desemprego; mellorando a cualificación profesional dos traballadores ao longo da vida; facendo máis accesibles, próximos e dinámicos os servizos de emprego; apoiando ao tecido empresarial e favorecendo o diálogo social; traballando pola igualdade entre mulleres e homes; apostando pola sustentabilidade empresarial e social; e fomentando o emprendemento vencellado ao territorio.

9 de maio de 2023 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.