publicidade hoxe

Galicia súmase ás iniciativas da UE para celebrar o Ano Europeo das Competencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Galicia súmase ás iniciativas da Unión Europea (UE) para celebrar este 2023 o Ano Europeo das Competencias, que arranca hoxe coa celebración dun festival, un evento híbrido no que a Comisión Europea quere poñer de manifesto a necesidade de que as traballadoras e traballadores se formen nas capacidades axeitadas para dar resposta á transformación do mercado de traballo.

Para este acto, que se celebra na Cité des Métiers de Bruselas, o centro de información e asesoramento sobre formación profesional xestionado pola rede do Servizo Público de Emprego de Bruselas, a Unión Europea seleccionou a proxección dun vídeo que elaborou a Xunta de Galicia para poñer en valor e difundir a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.

A iniciativa galega, que se está a executar desde o ano 2021 e que aplica principios da Axenda Europea de Capacidades á realidade de Galicia, é un pacto pola capacitación da forza laboral galega baseado na colaboración público-privada co tecido produtivo. O desenvolvemento desta Axenda xa está a permitir a oferta de microformacións que demandan as principais entidades representativas da economía galega.

Esta Axenda está a procurar a xeración dunha contorna de aprendizaxe permanente na que se actualizan periodicamente as competencias profesionais das persoas traballadoras para dar resposta ás novas necesidades do mercado de traballo, mellorando, deste xeito, a competitividade das empresas.

Durante o Ano Europeo das Competencias, a Comisión, o Parlamento Europeo, os estados membros, os interlocutores sociais, os servizos de emprego públicos e privados, as cámaras de comercio e industria, os proveedores de educación e formación, e as persoas traballadoras e empresas colaborarán para promover o desenvolvemento de competencias, mellorando así as oportunidades de elección profesional das persoas. O reto é que Europa sexa máis competitiva ao impulsar a súa man de obra e garantir que as transformacións ecolóxica e dixital e a recuperación económica sexan socialmente xustas e equitativas.

Galicia, ao longo deste Ano Europeo das Competencias, desenvolverá máis accións para divulgar e visibilizar o labor que a Xunta está a desenvolver a través da Axenda Galega das Capacidades. De feito, a comunidade galega xa se adheriu ao Pacto Europeo polas Capacidades que reúne a empresas, traballadores, autoridades locais, interlocutores sociais, provedores de formación e servizos de emprego para determinar as necesidades en materia de competencias e asumir compromisos para a reciclaxe profesional das persoas traballadoras. Do que se trata é de adecuar as aspiracións das persoas coas oportunidades reais do mercado labor, investir en formación e atraer e reter talento.

9 de maio de 2023 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.