publicidade hoxe

Galicia contará co Plan territorial de sustentabilidade turística de Vilas termais e cascos históricos dotado con 23,23 M€ aprobado na Conferencia Sectorial de Turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Antonio Casas, respectivamente, participaron esta mañá, por videoconferencia, no pleno da Conferencia Sectorial de Turismo, onde foi aprobado o Plan territorial de Vilas termais e cascos históricos de Galicia, que ten como obxectivo promocionar Galicia como destino termal e histórico-cultural de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas da nosa Comunidade.

O Plan que conta cun orzamento de 23,23 M€ se desenvolverá no horizonte 2024-2026. Impulsará o turismo termal e histórico-cultural en Galicia mediante a modernización das infraestruturas existentes, diversificando o sector para atraer novos segmentos de poboación, mellorando a comercialización e a promoción de novos produtos turísticos. Ademais de promocionar a xestión sustentable e a potenciación do territorio termal e cultural galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización alcancen o ámbito nacional e internacional.

Trátase do terceiro dos Plans Territoriais impulsados pola Xunta de Galicia ao abeiro dos Fondos Next Generation, tralo impulso do Plan do Litoral e do Plan de Enogastronomía de Galicia. Como os anteriores Plans, está estruturado arredor de Accións de Cohesión en Destino (ACD) e Plans de Sustentabilidade Turística (PSTD) impulsados polas entidades locais.

Concretamente, engloba 1 ACD que conta cun investimento de 10.035.000 €, 7 PSTD impulsados por entidades locais, que recibirán un total de 11.200.000 €, e 1 PSTD do Plan Nacional que recibirá un total de 2 M€.

Actuación de cohesión en destino

A ACD “Galicia Destino termal” que conta cun importe total de 10.035.000 € contempla dúas accións principais, unha orientada a converter o Pazo Provincial de Ourense en balneario e centro de Innovación e de investigación do termalismo de Galicia (5,5 M€) e outra de mellora de Infraestruturas e oferta termal en Galicia (3,7 M€), que se complementan con accións de formación, investigación, innovación do turismo termal, así como a mellora da competitividade das empresas de turismo termal, por importe de 700.000 €.

Plans de Sustentabilidade Turística en Destino

No marco deste Plan Territorial aprobado hoxe, atópanse Plans de Sustentabilidade Turística, dos cales 7 son impulsados por entidades locais e 1 corresponde ao Plan Nacional.

– PSTD “Centro histórico de Ferrol e Patrimonio militar da Costa Ártabra”, impulsado pola Deputación da Coruña. Conta con 2 M€.

– PSTD “Ourense colle velocidade, vilas históricas e termais”, solicitado pola Deputación de Ourense. Conta con 1,5 M€.

– PSTD “Mar de Santiago: un percorrido marítimo – fluvial”, impulsado pola Asociación Mar de Santiago, integrada polos concellos de Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures. Conta con 1,7 M€.

– PSTD “Centro histórico de Betanzos: o pasado como motor de futuro sostible”, cun orzamento de 1 M€.

– PSTD do Centro histórico da vila de Bouzas, do concello de Vigo, que conta con 2 M€.

– PSTD “Plan vive a historia, descobre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza”, cun orzamento de 2 M€.

– PSTD “Allariz Destino sostible” con 1 M€.

A estes 7 PSTD se lles engade un escollido no marco do Plan Nacional “Sol y Playa-turismo azul”, que é o PSTD “Ribeira Sacra. Compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua”, solicitado polo Consorcio Ribeira Sacra. Conta cun orzamento de 2 M€.

9 de maio de 2023 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.