publicidade hoxe

Galicia amosa a experiencia do Observatorio Costeiro da Xunta no traballo fronte ao cambio climático nas zonas de litoral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

Galicia amosará desde mañá ata o vindeiro venres a nivel internacional os resultados máis relevantes do traballo levado a cabo polo Observatorio Costeiro da Xunta no ámbito do medio ambiente marítimo e do litoral. Será nunhas xornadas organizadas polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar xunto coa Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que se celebrarán na sede desta última en Santiago de Compostela no marco do proxecto europeo Transformar, do que é socio o centro dependente da Consellería do Mar.

O encontro será inaugurado pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e pola directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e terá como obxectivo avaliar desde distintas perspectivas a evolución e impacto do cambio climático, coordinando esforzos para facerlle fronte a través dunha innovación cooperativa.

Trala apertura da xornada, na que estarán presentes representantes das 22 entidades procedentes de 11 países da Unión Europea que conforman o consorcio Transformar, desenvolveranse unha serie de relatorios técnicos sobre o estudo en Galicia do cambio climático e as ferramentas de xestión de continxencias aplicadas na comunidade. Trátase dunha oportunidade para mostrar as accións adoptadas no marco da Misión de Adaptación ao Cambio Climático, na que a comunidade se integrou en setembro de 2022.

Transformar abordará nas restantes xornadas de traballo as accións que desenvolve desde outubro de 2021 para facer fronte ao cambio climático e a transformación social en seis territorios a través de solucións baseadas na natureza, nas tecnoloxías innovadoras, nos modelos de financiamento, seguros e gobernanza así como na concienciación e no cambio de comportamentos.

Neste sentido, e a través da acción coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coa colaboración da Universidade de Vigo e de expertos do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, Galicia será pioneira en probar solucións para os sectores do cultivo de mexillón e do marisqueo a pé, nun traballo construtivo da man do propio sector e a partir do coñecemento científico e do estudo dos efectos do cambio climático sobre o litoral.

O caso elixido na comunidade analiza, por unha banda, o impacto da dixitalización na mellora da xestión e adaptación da produción de mexillón, monitorizando en tempo real unha batea dotada de sensores e, ao mesmo tempo, crea unha ferramenta para a toma de decisións, un Índice de Resiliencia da cadea de valor que identificará as prioridades para aumentar a capacidade de adaptación ás novas circunstancias. Así mesmo, preténdese avaliar a evolución dos bancos de cultivo e marisqueo de ameixa a través dun modelo matemático para explorar estratexias de xestión adaptadas a distintos escenarios.

O proxecto Transformar está financiado polo programa H2020 a través da convocatoria Green Deal da Unión Europea e coordinado pola Universidade de Amberes. A previsión é que os seus traballos se prolonguen, polo menos, ata setembro de 2025.

9 de maio de 2023 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.