“Escenas do cambio” comeza cunha experiencia de teatro itinerante para redescubrir Santiago de Compostela
O festival de danza, teatro e arte en acción Escenas do cambio —promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura— comeza mañá xoves 4 de maio tres xornadas dedicadas ás artes escénicas de vangarda. A obra itinerante Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco e a austríaca Andrea Sonnberger, será a encargada de inaugurar esta novena edición, cunha orixinal proposta na que público e artistas compartirán unha experiencia de descubrimento polas rúas de Santiago de Compostela.
Unidos por unha cinta branca, xuntos percorrerán as rúas de Santiago de Compostela nun camiño secreto que convida a observar o espazo urbano con outros ollos, ao modo dos flanêurs do século XIX. Logo do seu paso por importantes festivais e cidades como Nova York, Taipei, París, Londres, Porto, Praga ou São Paulo, entre outras moitas, Aquí mentres camiñamos chega á capital galega con cinco pases no marco do festival.
Do xoves 4 ao sábado 6 de maio, Escenas do cambio programa un total de dez creacións contemporáneas de danza, teatro, performance, música e poesía escénica nas que as transformacións e conflitos sociais do noso presente teñen un papel protagonista. As persoas migrantes e os seus dereitos —Afectos, de Kirenia Danza—; a construción dunha nova Europa máis porosa e amable cos estraños —Fráxil. Handle with care, de Matarile—; o amor en todas as súas formas —One night at the golden bar, de Alberto Cortés—, ou a denuncia da mercantilización da morte —Aquellas que no deben morir, de Las Huecas— son algúns dos temas que compañías e artistas porán sobre o escenario.
Estreas galegas
Entre as cinco estreas do festival, destacan as últimas creacións de Kirenia Danza (Afectos) e Matarile (Fráxil. Handle with care), que contaron co apoio do Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego para o seu desenvolvemento. A primeira estréase mañá ás 20,30 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, mentres a nova peza dirixida por Ana Vallés terá o seu primeiro pase no Salón Teatro o venres 5 de maio ás 21,30 horas.
As outras obras inéditas desta edición son Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), do coñecido dramaturgo canario Roberto García de Mesa; a peza colectiva Poescénicas, que crean e protagonizan cinco poetas galegas actuais (Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira) e o debut musical da formación SONS-NÚS/CatroNubes, coa súa mestura experimental de jazz, arte visual e poesía, que pechará Escenas do cambio o sábado ás 21,30 horas no Gaiás.
Completan o programa Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz, e Washington, do artista galego Matías Daporta, un xogo de espellos e realidades que recrea o casting da película que Lars von Trier nunca chegou a rodar logo de Dogville e Manderlay.
Toda a información da programación de Escenas do cambio está dispoñible na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival —www.escenasdocambio.org—. As entradas poden adquirirse no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.
O festival da Xunta conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM, o Concello de Santiago, o Instituto Camões, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego.