publicidade hoxe

Comesaña agradece a implicación da comunidade científica para converter a Galicia nun referente no desenvolvemento de novas terapias contra o cancro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá nas Xornadas “Workshop on tecnologies and applied researchat the future Galician proton-therapy facility”, na que científicos, investigadores e expertos en Protonterapia analizarán as novidades xurdidas ao redor das terapias con protóns.

O Centro de Estudos Avanzados de Santiago de Compostela acolleu unha xuntanza da comunidade científica na que tamén se abordou a futura demanda en materia de investigación aplicada para os tratamentos con protóns, ante a vindeira posta en marcha do Centro de Protonterapia, que se emprazará na capital galega.

Acompañado polo director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, Carlos Salgado; e polo vicerreitor de Política Científica (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; o conselleiro de Sanidade destacou que “Galicia será unha das comunidades pioneiras no desenvolvemento de novas técnicas e tratamentos para combater o cancro”, así, agradeceu a colaboración e o apoio das universidades galegas para levar a cabo un proxecto que situará a comunidade galega na vangarda deste tipo de tratamentos.

Sobre este particular, García Comesaña salientou que á futura posta marcha do Centro de terapias de protóns de Galicia, tamén se engadirá o Centro de Produción de Terapias Avanzadas (CAR-T), dúas unidades que incidirán na loita contra un dos maiores desafíos que enfrontan os sistemas de saúde, o cancro. Neste senso, agárdase que Galicia sexa a primeira comunidade que conte cun Centro de Protonterapia de carácter público.

A Protonterapia é unha nova técnica que emprega os protóns para aplicar radiación directa aos tumores e destruír con ela as células cancerosas. Así, demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns.

Trátase dunha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, dun xeito moi significativo o tempo de terapia, e ademais evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. A Protonterapia reduce significativamente os tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia non resulta efectiva, e nos que a cirurxía non é unha opción.

Centro de Protonterapia de Galicia

As obras do Centro de Protonterapia de Galicia, emprazaranse na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e, tras ser licitadas no pasado mes decembro, os seus edificios ocuparán 3.683 metros cadrados, ademais de contar con 6.075 metros cadrados de espazos exteriores.

No seu interior, o centro de terapia de protóns dividirase en dous niveis. Unha planta baixa para a recepción de pacientes e as áreas de tratamento, persoal e mantemento; e un primeiro andar onde se ubicará a zona de dirección e os equipamentos do edificio. Así mesmo, o edificio contará con dous búnkers, que poderán albergar dous equipos Proteus One, reservándose o espazo para instalar, de selo caso, un terceiro.

Os futuro Centro de Protonterapia de Galicia atenderá aos pacientes da comunidade galega, e tamén tamén recibirá aos pacientes doutras comunidades, como é o caso de Castela-León ou Asturias.

10 de maio de 2023 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.