publicidade hoxe

As candidaturas ás Medallas Pardo Bazán coas que a Xunta recoñece o traballo a prol da igualdade de persoas e entidades poden presentarse ata o 12 de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o próximo 12 de maio o prazo para a presentación de candidaturas para as Medallas Pardo Bazán na súa edición 2023. Estes galardóns outorgan cada ano recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade galega por persoas físicas ou entidades que teñan contribuído, cun papel destacado, á defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

As candidaturas poden presentarse a través da Sede Electrónica da Xunta por calquera persoa física ou xurídica, organismos, entidades, asociacións e mesmo administracións públicas, que desexen resaltar o labor dos aspirantes no eido da equidade.

Para formalizar a proposta, os promotores deben achegar unha memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas, polas que se insta a conceder o recoñecemento á entidade ou institución candidata.

As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para enxalzar as accións relevantes á vez que permiten brindar un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva.

A través da súa concesión, o Goberno autonómico contribúe á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e á difusión da traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis xusta.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo e por ter reivindicado a educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres ás mesmas oportunidades que os homes coetáneos.

Na última edición, concedeuse este mérito a Cristina Fernández, primeira muller fareira de Galicia; á Asociación Íntegro, que traballa con mulleres con discapacidade na Costa da Morte, e á Fundación María José Jove, polo seu traballo, entre outros, con menores expostos á violencia de xénero.

9 de maio de 2023 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.