publicidade hoxe

Apertura do prazo para solicitar as axudas do programa Voluntariado Sénior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Xunta abre mañá, e durante un mes, o prazo para que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais soliciten acollerse ás axudas do programa Voluntariado sénior. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria desta liña de subvencións, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva e que está dotada dun orzamento de 100.000 euros: 45.000 para iniciativas de entidades locais e 55.000 para as que propoñan as de acción voluntaria.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica. O obxectivo deste programa é ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a oportunidade de desenvolver actividades de voluntariado, favorecendo así que manteñan unha vida activa e se contribúa a aproveitar, como sociedade, todos os seus coñecementos de vida.

Os proxectos subvencionables son os que se realicen entre o pasado 1 de xaneiro e o vindeiro 31 de outubro deste ano e a súa duración debe comprender entre 15 e 60 días. As entidades locais poderán concorrer á convocatoria de xeito individual ou conxuntamente baixo fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar.

Proxectos subvencionables

As temáticas das propostas que poden optar a estas axudas son as actividades relacionadas co Camiño de Santiago; accións de recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; intervencións orientadas á conservación da natureza e creación de contornas saudables; proxectos relacionados coa igualdade de xénero ou actuacións orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

Tamén serán subvencionables actividades que teñan por obxecto humanización das contornas rurais e urbanas, as que garden relación co fomento da utilización das novas tecnoloxías da información e comunicación; actividades que recollan iniciativas de mellora dos servizos comunitarios; accións encamiñadas a orientar a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e propostas que fomenten a cooperación interxeracional como xeito de aprendizaxe mutua.

10 de maio de 2023 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.