Ao redor de 43.000 traballadores do Sergas están convocados a participar nas eleccións sindicais
Ao redor de 43.000 traballadores e traballadoras do Servizo Galego de Saúde están convocados na xornada de mañá, 11 de maio, a participar nas eleccións sindicais para elixir aos seus representantes para os vindeiros catro anos.
Profesionais de toda a Comunidade Autónoma poderán exercer o seu dereito ao voto nalgunha das 84 mesas electorais repartidas nas 11 circunscricións electorais distribuídas por toda a xeografía galega. Están convocados a exercer o dereito ao voto profesionais de todos os colectivos, entre outros os médicos, persoal residente en formación, persoal de enfermería, técnicos superiores, auxiliares de enfermería, administrativos, persoal de cociña, persoal de mantemento e celadores.
A fin de non alterar a normal prestación da asistencia sanitaria, á par que favorecer a libre participación dos profesionais nas eleccións, as mesas electorais aproximaranse aos votantes estando distribuídas entre centros de saúde e hospitais. O horario de apertura da mesas de 8 á 23 horas, permitirá o voto ao persoal de todas as quendas (mañá, tarde e noite). A xornada de votación nun día laborable concentrará un maior número de profesionais nos centros, favorecendo a participación e o exercicio do dereito de voto.
Da votación resultará unha xunta de persoal por cada circunscrición electoral e a composición da Mesa Sectorial de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, órgano no que os representantes dos traballadores que resulten elixidos, negociarán as condicións de traballo e retributivas e do persoal do organismo.
A Mesa Sectorial de negociación e participación nas condicións de traballo dos profesionais das institucións sanitarias do Sergas, está actualmente composta por 15 representantes das organizacións sindicais e un número igual de representantes da Administración.
Será a vontade dos traballadores manifestada a través do seu voto, a que determine que candidaturas obterán un maior grao de representación.