publicidade hoxe

A Xunta somete a información pública o decreto que modifica as actuais normas de habitabilidade de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta someterá a información pública desde hoxe e durante 15 días hábiles o proxecto de decreto de modificación das normas de habitabilidade de vivendas de Galicia que, entre outras cuestións, facilitará e permitirá en determinados supostos que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan cambiar de uso e reconverterse en vivendas.

Deste xeito, os cidadáns e entidades interesados en remitir as súas achegas e suxestións sobre o documento ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) —organismo tramitador do decreto— terán de prazo para facelo ata o vindeiro 1 de xuño, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario habilitado a tal fin na páxina da Xunta.

A modificación das normas de habitabilidade, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que xa se someteu a consulta pública previa entre o 24 de febreiro e o 13 de marzo, parte cunha dobre finalidade: por un lado, ofrecer solucións efectivas a problemas substanciais derivados dos cambios socioeconómicos e estruturais que experimentou a sociedade galega desde a súa aprobación; e por outro, adecuar certos aspectos da normativa vixente, co fin de simplificar a súa aplicación e eliminar redundancias co resto de lexislación sectorial.

En concreto e tendo en conta que o decreto das normas de habitabilidade se aprobou no ano 2010, considerouse necesario contrarrestar o abandono de locais comerciais detectado sobre todo nalgunhas zonas das cidades e evitar a súa progresiva degradación con medidas que faciliten a transformación en vivendas destes baixos, unha vez que quedan baleiros e sen expectativas de recuperar o seu uso orixinal.

Deste xeito, ademais de ofrecer unha solución a esta problemática, axudarase tamén a reforzar o parque residencial das contornas urbanas, onde se concentra a demanda.

Cómpre subliñar que agora xa está permitido adaptar baixos comerciais a uso residencial, pero esta posibilidade queda impedida en ocasións polo feito de que a normativa vixente impón unha serie de condicións bastante estritas para garantir a intimidade dos seus residentes desde o exterior.

A tal fin, manterase con carácter xeral a esixencia de protección das vistas desde fóra nas vivendas reconvertidas a partir de baixos, pero os concellos poderán eximir ou matizar esas condicións dentro de determinados ámbitos e con xustificación previa.

Así mesmo, co cambio proposto tamén se pretenden flexibilizar os requisitos previstos nas normas de habitabilidade vixentes que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior co fin de facilitar e axilizar a súa delimitación ao permitir aos concellos definir estes espazos sen ter que facer unha modificación urbanística.

De igual xeito e tendo en conta que a normativa regula as condicións de habitabilidade que deben cumprir tanto vivendas novas como rehabilitadas, flexibilizaranse as esixencias aplicables no caso de remodelacións que acometan os propietarios para uso propio co fin de garantir que os inmobles se adecúen ás súas necesidades particulares.

Todos os cambios que se queren introducir nas actuais normas de habitabilidade de vivendas foron analizados e debatidos no seo do Observatorio de Vivenda de Galicia e no Comité asesor de habitabilidade, órgano de carácter consultivo que mantivo tres reunións o ano pasado co fin de concretar os posibles cambios e melloras a introducir.

9 de maio de 2023 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.