publicidade hoxe

A Xunta remite aos concellos os convenios do programa de barrios que permitirán convocar axudas por case 33 M€ para rehabilitar edificios e vivendas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta acaba de remitir aos 28 concellos galegos que resultaron beneficiarios o ano pasado do programa de rehabilitación a nivel de barrio os convenios necesarios para que poidan convocar axudas para a mellora da eficiencia enerxética en vivendas e edificios residenciais por un importe de case 33 millóns de euros.

Cómpre lembrar que este programa se convocou por primeira vez en 2022 e está financiado exclusivamente cos fondos europeos do Next Generation, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O reparto provisional dos fondos entre as 28 entidades locais seleccionadas en Galicia realizouse a finais do ano pasado pero para que se materialice deberán subscribir antes co Instituto Galego da Vivenda e Solo e co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os acordos remitidos hoxe.

As axudas previstas no marco deste programa aplicaranse nos ámbitos delimitados previamente como Entorno residencial de rehabilitación programada (ERRP), entre os que se atopan tamén as Áreas de rehabilitación integral (ARI) e as Áreas Rexurbe que xa foran declaradas con anterioridade.

En total está previsto que se beneficien en Galicia 54 entornos residenciais de rehabilitación programada (ERRP), nos que os concellos se encargarán de facer chegar as axudas aos cidadáns interesados a través de convocatorias propias e específicas. Do total de ERRP seleccionados en Galicia, 41 coinciden con ARI xa declaradas, e ademais, en 5 casos os concellos contan tamén cunha Área Rexurbe.

En canto ás subvencións, cómpre subliñar que van destinadas a inmobles nos que, polo menos, o 50 % da superficie construída sobre rasante teña un uso residencial de vivenda, excluíndo a planta baixa e outras plantas inferiores que alberguen usos compatibles. Nestes 54 entornos estimase que hai máis de 5.700 vivendas que, polo tanto, poderían beneficiarse, directa ou indirectamente, deste programa.

O importe da axuda dependerá do grao de eficiencia enerxética conseguido coa actuación de rehabilitación que se execute, e pode ser do 40 %, do 65 % ou do 80 % do orzamento protexible, acadando un máximo de 29.425 euros por vivenda (e cunha axuda adicional prevista de ata 12.000 euros se fose necesario retirar elementos con amianto). En todo caso, a subvención elevarase ata o 100 % do investimento cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica por parte dalgún dos propietarios da vivenda.

Os propios concellos tamén poderán beneficiarse dos incentivos previstos no marco deste programa. En concreto, para realizar obras de urbanización, reurbanización ou mellora do entorno físico, o importe da axuda ao concello será dun 15 % adicional sobre as contías máximas da axuda por vivenda. Ademais, recibirán 800 euros por inmoble rehabilitado para financiar a oficina municipal de rehabilitación.

11 de maio de 2023 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.