A Xunta recibe 9 ofertas para o acondicionamento do firme de 5 estradas das comarcas de Ferrolterra e de Betanzos, que suporá un investimento de máis de 1,33 M€
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 9 ofertas de empresas para executar as obras de acondicionamento do firme en 5 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ferrolterra e de Betanzos, que suporán un investimento de máis de 1,33 M€.
O obxectivo deste contrato é levar a cabo a mellora do firme en varios treitos das estradas AC-102, nos concellos de Cerdido e Cedeira; na AC-116, ao paso polos concellos de Narón e Valdoviño; na AC-122, en Cabanas, Fene e Mugardos; na AC-133, no seu percorrido polos municipios de Fene e de Mugardos; e na estrada AC-160, nos concellos de Miño e Vilarmaior.
As intervencións, que contan cun prazo de execución de 6 meses, consistirán na rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 5 estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.
Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.