A Xunta publica o Decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada para Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o novo Decreto de Ordenación do Sistema de Formación Sanitaria Especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, no que se definen as estruturas sanitarias docentes, se regulan os seus órganos, e no que destaca o reforzo da figura do titor na formación especializada en Ciencias da Saúde.
Este Decreto é o primeiro a nivel autonómico que ordena as normas sobre a Formación Sanitaria Especializada que son competencia da Comunidade Autónoma. Ata o de agora, estábase a aplicar a normativa xeral do Estado e os criterios regulados noutras normas (como no caso dos baremos de OPEs ou concursos de traslados, carreira profesional, etc…).
A nova norma sobre formación sanitaria especializada consta de 66 artigos, divididos en 8 capítulos, 4 disposicións adicionais, 3 transitorias e 1 derogatoria.
Os profesionais responsables da formación sanitaria especializada constitúen un elemento esencial para a calidade da mesma. Por este motivo, as persoas titoras dos residentes -e outras figuras docentes que participan na súa formación-, constitúen o principal obxecto de tratamento da presente norma.
O decreto pon en valor as figuras dos titores e dos xefes de estudos, e prima o seu exercicio configurando un estatuto cunha serie de medidas.
Entre elas, destacan a ampliación das facilidades para exercer o labor docente, asegurando que o titor poida dispor dun tempo específico para o exercicio das súas funcións; o establecemento de formación específica para titores; a priorización da súa participación nas actividades de formación continuada para persoal sanitario; ou o acurtamento do tempo para acadar os graos de carreira profesional no caso dos titores da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, primando de xeito especial a estes titores dado o contexto de déficit de profesionais existente nesta categoría.
O texto recolle os criterios sobre o procedemento de supervisión dos especialistas en formación para a súa asunción progresiva de responsabilidades por parte do residente, e tamén inclúe o procedemento para autorizar as rotacións externas e as estancias formativas de estranxeiros.
Ademais, garante que os profesionais que exerzan labores de titoría reciban unha puntuación adicional nos baremos, e incluso se lles poida reservar prazas específicas, permitíndolles o acceso a aqueles centros que estean acreditados.
O Decreto recoñece e regula formalmente as Subcomisións de docencia, que son fundamentais no caso dalgunhas especialidades de enfermería. Así mesmo, outorga o nivel de xefatura de servizo de carácter docente aos xefes de estudos, e recolle a figura de titoría de apoio para o caso de unidades que reciban un número importante de residentes en rotación, como as urxencias.
Xunto co anterior, promove a adquisición de competencias transversais por parte dos especialistas; prima a perspectiva de xénero nos indicadores de calidade; e incorpora as especialidades de enfermería na Rede de Comisións de docencia de Galicia (REDEGA).
Cómpre destacar que a elaboración desta norma resultou moi participativa contando coas achegas e suxestións das comisións de docencia, sociedades científicas, colexios profesionais e organizacións sindicais.
Coa entrada en vigor deste decreto, as vantaxes reguladas no mesmo aplicaranse xa ao persoal que colabora na extraordinaria oferta formativa deste ano 2023.