A Xunta presenta ao Goberno da Rioxa as instalacións e o funcionamento do centro de emerxencias 112 Galicia

Representantes do goberno da Rioxa visitan instalacións do 112
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, na Estrada, o director xeral de Emerxencias Sanitarias e Protección Civil do Goberno da Rioxa, Salvador Díez. Na visita estiveron acompañados polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.
O responsable das emerxencias na Rioxa coñeceu a plataforma tecnolóxica que sustenta e dá cobertura a milleiros de chamadas ao día, ademais dos distintos espazos nos que desenvolve o seu labor. O percorrido incluíu tamén o hangar do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (GALI) para coñecer os recursos cos que conta a Axega para a intervención en grandes emerxencias, e que supoñen o reforzo necesario para facer fronte ás esixencias dunha situación crítica.
No encontro, Villanueva e Díez tamén puxeron en común as experiencias canto á xestión e coordinación de emerxencias en ambas as Comunidades.