publicidade hoxe

A Xunta descarta, tras varias inspeccións técnicas, que a praga de moscas do Val estea relacionada coa actividade das granxas da zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNarónPortada dereita
A-
A+
Martina Aneiros reuniuse coa directiva da asociación de veciños do Val

Martina Aneiros reuniuse coa directiva da asociación de veciños do Val

A Xunta asegura que non se pode atribuír a infestación de moscas que sofren varios lugares da parroquia do Val, en Narón, á actividade das explotacións gandeiras da zona. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta tarde coa directiva da asociación de veciños do Val para interesarse persoalmente pola problemática que están a sufrir e informarlles das accións acometidas pola Xunta ata o momento.

Aneiros trasladou á asociación veciñal as conclusións do último informe remitido pola xefatura territorial da Consellería do Medio Rural ao Concello de Narón, a raíz das inspeccións técnicas realizadas polos servizos veterinarios a varias explotacións de diferentes lugares da parroquia. Unhas inspeccións que atenderon, como indicou, a unha petición de colaboración do Concello e nas que se constataron que tanto as condicións hixiénico-sanitarias das granxas como a xestión que realizan das dexeccións son as adecuadas.

A delegada lembrou durante o encontro que o control das pragas non é unha actividade prestada pola Administración autonómica e que os Concellos, en virtude tanto da lexislación básica estatal como da galega, son autoridade sanitaria e teñen competencias de control ambiental e sanitario.

As actividades de control de pragas, informou, desenvólvense a nivel nacional por medio de empresas inscritas nos rexistros de establecementos e servizos biocidas (ROESB) propios de cada comunidade autónoma.

“Tal e como trasladamos ao Concello de Narón en xuño de 2021, as competencias en cuestión de control de pragas da Consellería de Sanidade limítanse á tramitación da inscrición das citadas empresas no ROESB de Galicia, así como o control periódico das mesmas, comprobando que o seu persoal dispoña da capacitación esixida, que utilicen produtos biocidas autorizados, etc…”, indicou a delegada que aclarou que, en ningún caso, se desenvolven tarefas de investigación ambiental en materia de pragas nin se executan tratamentos para o seu control.

24 de maio de 2023 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.