A Xunta convocará este ano 24 programas e axudas en materia de vivenda cun orzamento de máis de 140 M€
A Xunta de Galicia ten previsto convocar ao longo deste ano un total de 24 programas e liñas de axudas en materia de vivenda dirixidas a particulares, concellos e promotores e dotadas dun orzamento global que supera os 140 millóns de euros.
Durante a súa comparecencia esta tarde no Parlamento para responder a unha interpelación sobre as políticas de vivenda do Goberno galego, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, expuxo as principais liñas de acción que ten previsto impulsar o seu departamento neste eido, a curto e medio prazo, co fin de facilitar o acceso dos galegos a un fogar.
Neste sentido, explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ten previsto incrementar nun 50 % o seu parque público de vivendas —integrado actualmente por algo máis de 3.800 VPP— coa incorporación de 1.800 novos inmobles de aquí ao ano 2026. Este é un dos principais obxectivos da Estratexia de vivenda pública e protexida aprobada pola Xunta a finais do pasado mes de marzo e no marco da cal, tal e como lembrou a conselleira, tamén se impulsará a construción en solo público doutras 3.000 vivendas protexidas por parte de promotores privados.
Así mesmo, a conselleira indicou que a aposta pola promoción de vivenda de nova construción a prezos accesibles tamén se verá reforzada coa convocatoria dun amplo abano de programas de apoio e liñas de subvencións neste eido. En concreto, Ángeles Vázquez dixo que, das 24 liñas previstas para 2023, o IGVS xa convocou 8 ordes de axudas para rehabilitar inmobles con fins residencial, facilitar a compra da primeira vivenda ou axudar aos cidadáns e particularmente aos mozos co pago do seu alugueiro.
Na mesma liña, referiuse tamén ao novo programa de Avais para a mocidade, unha medida impulsada pola Xunta este ano e á que os galegos menores de 36 anos xa poden acollerse desde o pasado 28 de abril, unha semana antes, recordou, de que o presidente Pedro Sánchez anunciara un aval similar como se fose algo novidoso e sen precedentes.
Lei estatal polo dereito á vivenda
Así mesmo, a conselleira tamén respondeu no pleno a unha pregunta sobre a futura Lei polo dereito á vivenda que acaba de aprobar o Congreso. Ángeles Vázquez explicou que hai case un mes se dirixiu por carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para pedirlle que convocara de forma urxente unha Conferencia Sectorial para poder abordar coas comunidades o contido dunha norma de tanta transcendencia e que regula unha materia sobre a que os gobernos autonómicos teñen competencias.
Tras indicar que polo momento non recibiu resposta, explicou que a semana pasada volveu dirixirse á ministra para reiterar esta petición e trasladarlle un documento no que se recollen as principais achegas, obxeccións e inquedanzas manifestadas sobre a futura lei polos membros do Observatorio da vivenda de Galicia, organismo de carácter consultivo con representación dos principais axentes públicos e privados do sector residencial galego e que a Xunta convocou de urxencia o pasado 21 de abril.
En concreto, a responsable autonómica referiuse ao temor do sector a que se bloquee a promoción de novas vivendas protexidas polas obrigas e limitacións que introduce a nova regulación, aos posibles efectos negativos e “distorsións” que provocará no mercado do alugueiro ou á “evidente invasión de competencias autonómicas” que supón esta lei, que ademais, dixo, non vai acompañada dos fondos necesarios.