publicidade hoxe

A Xunta aplaude o apoio da Eurocámara á proposta de Galicia que permitirá axudar con 1,5 M€ a 300 persoas despedidas de Alu Ibérica a atopar emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia valora de xeito moi positivo a aprobación, hoxe, polo Parlamento Europeo dos apoios aos 303 traballadores afectados polos despedimentos de Alu Ibérica na Coruña do pasado maio, a través dun programa -cun importe previsto de 1,5 millóns de euros- para a formación, orientación e asesoramento personalizado para a busca de novos postos de traballo, proposto pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade do Goberno.

Tras o visto bo da Eurocámara, a comunidade galega recibirá os fondos previstos e iniciará estas actuacións unha vez se asinen o correspondente convenio de colaboración cos axentes sociais e os contratos administrativos coas entidades formativas para que poidan desenvolver o programa.

O custo total estimado das medidas necesarias para devolver ao mercado laboral ás persoas despedidas é de 1,5 millóns de euros, dos que as arcas comunitarias asumirán o 85 % (1,2 millóns de euros), mentres que o 15 % restante financiarao o Goberno galego.

A Administración galega tomou a iniciativa para solicitar ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) un apoio económico para os despedidos de Alu Ibérica o pasado mes de maio. A medida foi consensuada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cos axentes sociais. Grazas a mesma, os traballadores recibirán cualificación en competencias clave e os coñecementos que necesitan para atopar un novo emprego, incluídas capacidades informáticas, operacións e loxística de almacéns e novas técnicas de soldadura, entre outras.

O programa inclúe apoio para obter o recoñecemento formal da súa experiencia laboral e unha axuda económica de 200 euros ao mes, durante seis meses, de se reincorporar de xeito áxil ao mercado de traballo.

Propóñense tamén incentivos económicos para favorecer a participación das persoas traballadoras nas actividades de busca de emprego e formación a través de apoios ao desprazamento e á conciliación para quen teña persoas dependentes ao seu cargo poidan aproveitar estas accións dun xeito eficaz.

Os despedimentos en Alu Ibérica tiveron maior impacto entre os traballadores de 45 anos ou máis, un colectivo que enfronta maiores dificultades á hora de atopar un traballo no mercado. Este foi un dos motivos que animaron á Administración autonómica a presentar esta iniciativa, coa idea de outorgar a este grupo un apoio adicional e específico para brindarlles maiores oportunidades.

9 de maio de 2023 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.