A terceira Liga Xunta de Galicia de Break arrinca en Lalín e percorrerá 10 localidades con máis de 120 participantes
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participaron hoxe na presentación da terceira edición da Liga Xunta de Galicia de Break que se celebrará en dez sedes galegas e que ten como obxectivo chegar a 120 bboys e bgirls nas categorías de iniciación, intermedia e avanzada ao longo do ano 2023.
Ao acto tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto con Pablo Castiñeira, xerente da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola de Noia, entidade que se encarga un ano máis da organización da proba.
Diego Calvo destacou que esta liga contribúe a fomentar a base deste deporte e achegalo a todos os públicos. Nesta liña, sinalou o auxe dos deportes urbanos nos últimos tempos entre a mocidade e lembrou que xa nos Xogos Olímpicos de Tokio debutaron como deportes olímpicos o skate, o BMX ou o basket 3×3, ao igual que nos Xogos de París 2024.
Pola súa banda, a conselleira de Política Social e Xuventude sinalou que o Goberno galego aposta por ofrecerlle á xuventude alternativas de ocio e tempo libre que lle permitan seguir formándose e enriquecerse fóra das aulas. Neste sentido, agradeceu o labor da asociación cultural e deportiva Vella Escola por levar a cultura urbana a toda a xuventude galega.
Liga Xunta de Galicia de Break
As inscricións para a terceira Liga Xunta de Galicia de Break son de balde e deberán realizarse a través da web https://ligaxuntabreak.org. Poderán participar todas as persoas de 6 ou máis anos e, debido a que as prazas son limitadas adxudicaranse por estrita orde de inscrición con reserva de prazas a competidores da categoría intermedia (as persoas que acadaran entre o 1º e o 10º posto do ranking individual de iniciación da Liga de Break 2022).
A Liga Xunta de Galicia de Break 2023 comezará este sábado en Lalín. Tamén estará en Pontedeume, o 20 de maio; en Noia, o 3 de xuño; en Porto do Son, o 1 de xullo; en Verín, o 26 de agosto; en Vigo e A Coruña, o 16 e o 23 de setembro respectivamente; en Pontevedra, e Ourense, o 14 e 28 de outubro; e en Santiago de Compostela o 11 de novembro.
Nas tres categorías de iniciación, intermedia e avanzada ofrécese a posibilidade de participar en formato individual (1vs1). No caso do formato de parellas (2vs2) a categoría é aberta e poden formar parella competidores de diferentes categorías. Entre as persoas participantes destacan na categoría avanzada: David Amor (Bboy Amor) e Alicia Babarro (Mini Ali), dous dos maiores representantes do break en Galicia pese á súa xuventude con 16 anos no caso de David e 13 no de Alicia.