Xunta e Clúster de Turismo coinciden na idoneidade de permitir 3 quendas diarias de acceso ao Illote Areoso
A Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza (Agetan) coincidiron na idoneidade de permitir tres quendas diarias de acceso ao arquipélago dos Guidoiros -do que forma parte o illote do Areoso-.
Durante unha xuntanza que mantivo esta semana, co presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, e co presidente de Agetan, José Luis Fernández Vázquez, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladou que o Goberno galego concretará co sector turístico os horarios de acceso co fin de garantir o equilibrio entre a protección dos valores e o aproveitamento público deste espazo natural, que nos últimos anos vén rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.
A maiores, Do Campo incidiu en que o incremento en tempada alta de 100 a 150 os visitantes diarios permitidos no Areoso segue os mesmos criterios que se aplican no acceso a outros espazos naturais, como, por exemplo, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
A directora xeral explicou que todos os cambios previstos mellorarán a futura orde de usos e actividades, un instrumento que responde á vontade de colaboración amosada por todas as administracións e colectivos implicados co fin de impulsar a mellor regulación posible para conservar este espazo natural. Deste xeito, búscase combinar o interese turístico crecente desta zona coa protección dos notables valores e recursos naturais que concentra e que, de feito, espertan tamén un grande interese desde o punto de vista científico, cultural e medioambiental.