Teresa Pérez Tilve presenta na Bandeira o libro “Mulleres de rocha e area”
O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolle este venres 21 de abril, ás 20:30 h, a presentación do libro de Teresa Pérez Tilve, “Mulleres de rocha e area”, publicado por Edicións Fervenza.
No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada por Juan Liñares, membro da directiva da A.C. Vista Alegre, e a concelleira de Cultura do Concello de Silleda, Mónica González.
A obra
Mulleres de rocha e area é unha obra xerminada pola curiosidade que espertaba para a autora unha profesión tan antiga como a de mariscadora, máis sendo unha muller de interior. Por iso, cando comezou a pasar longas tempadas en Vilanova de Arousa empezou a valorar a importancia da acuicultura e o esforzo das persoas que dela viven. Foi así como nace esta nova obra, Mulleres de rocha e area, na que a través das súas protagonistas nos fará participes da vida a pé de praia.
As protagonistas, Amelia e Verónica, levan una vida despreocupada, vivindo a conta das súas respectivas parellas, ata que un día deciden procurar emprego nunha agrupación de marisqueo a pé, primeiro en Vilanova de Arousa e despois en Carril. A partir dese momento terán ocasión de coñecer a realidade do traballo das persoas que exercen este oficio, maiormente mulleres, desbotando os conceptos preconcibidos de ser o marisqueo unha ocupación considerada tradicionalmente como propia de mulleres dos estratos máis desfavorecidos da sociedade, e descubrindo a realidade dunhas persoas modernas, activas e innovadoras, que reivindican os seus dereitos, están orgullosas do seu traballo, e loitan por melloralo e coidalo, cun respecto moi grande polas regras dun aproveitamento sostible dos recursos mariños. Para Amelia e Verónica, este coñecemento vai influír na decisión de cambiar as súas vidas, aínda que collan rumbos moi diferentes.
Colaboracións
Este libro, editado por Edicións Fervenza contou coa colaboración do Concello de Silleda e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A autora
María Teresa Pérez Tilve (Xeve – Pontevedra, 1945) é mestra de Ensinanza Primaria e Licenciada en Filoloxía Xermánica pola USC. Conta así mesmo co Certificate of Proficiency in English, da Universidade de Cambridge e o Diploma de Estudos Avanzados da USC.
Desenvolveu a súa actividade docente durante corenta anos. Primeiro, como mestra de primaria, en aldeas de Ponte Caldelas, Mondariz e, durante moitos anos, na Escola Padroado SFN, do Colexio María Inmaculada de Silleda. Como profesora de secundaria, ensinou nos IES Ramón María Aller e Pintor Colmeiro, de Silleda, do que foi directora ata a súa xubilación.
Durante a súa actividade profesional participou en varios proxectos europeos, dos que cabe salientar os seguintes: Realización e publicación de Hablamos: Vídeo y Guía Didáctica para la enseñanza del español como lengua extranjera. UE. Programa Sócrates. Proxecto de innovación: English Language and Teaching Methodology. UE. Programa Lingua. Agricultural Technology Tradition. UE. Programa Sócrates, acción Comenius 1. IES Pintor Colmeiro, en colaboración con institutos de Italia, Grecia, Polonia e Turquía.
Participou así mesmo no proxecto Mellora da calidade dos Mecanismos de Xestión Educativa dos Centros da Consellería de Educación e O.U.
Unha vez xubilada, volveu á universidade e, en 2014, acadou o grao de Doutora en Filoloxía Inglesa pola USC coa tese: Reshaping Mirrors: Mothers and Daughters in Contemporary Irish and Galician Women’s Poetry. Esta tese analiza as relacións entre nais e fillas na poesía dalgunhas escritoras irlandesas e galegas contemporáneas; tema presente na súa primeira obra narrativa, A carón da máquina (Edicións Fervenza, 2018). A súa incursión literaria continuaría con O tecido dos soños (Edicións Fervenza, 2019) e esta nova obra Mulleres de rocha e area.