publicidade hoxe

Sométese a información pública a factoría de pneumáticos que o grupo Sentury prevé construír nas Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta segue coa tramitación da factoría de pneumáticos que Sentury prevé construír nas Pontes coa publicación hoxe, no Diario Oficial de Galicia (DOG), do anuncio polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental e o proxecto.

Desde mañá, ábrese un prazo de 30 días hábiles para o exame da documentación e a posible presentación de alegacións ou observacións. A iniciativa, declarada Proxecto Industrial Estratéxico polo Consello da Xunta o pasado mes de outubro, conta, segundo a proposta presentada pola empresa cun orzamento de 531M€ e prevé a creación de 750 empregos directos. O obxectivo é o desenvolvemento e fabricación de pneumáticos PCR (Passenger Car Radial Tire) de alto rendemento para automóbiles, cunha produción anual prevista de 12 millóns de pneumáticos.

A declaración como proxecto industrial estratéxico permite a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais. Ademais, implica que a Administración autonómica é a encargada de conceder a licenza de obra.

O proxecto está integrado por unha planta de proceso de fabricación, un taller de materiais de mestura, un almacén, un taller de construción de pneumáticos e un taller de vulcanización. O proceso de fabricación de pneumáticos centrarase en catro fases diferenciadas: a produción de compostos; a fabricación de compoñentes; a montaxe do pneumático e a fase de almacenamento, a través dun proceso automatizado que permitirá a distribución e a carga final da mercadoría nos camións de transporte para a súa saída da factoría.

4 de abril de 2023 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.