Simulacro de atención a familiares no aeroporto Rosalía de Castro
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu hoxe en Santiago a un simulacro de atención a familiares en caso de accidente aéreo no aeroporto Rosalía de Castro co obxectivo de avaliar a constitución das salas para familiares das vítimas, falecidas, feridas ou ilesas no sinistro.
Segundo a normativa, en previsión dun accidente o aeroporto conta cunha persoa responsable de atención a vítimas e familiares, así como a obriga de acondicionar unhas salas para a súa atención e para dar información. Ademais, a compañía debe facilitarlle a lista de pasaxeiros á persoa de contacto (PECO) da Xunta para a súa distribución a diferentes órganos.
O simulacro realizado hoxe permitiu o ensaio das comunicacións, a activación das salas e dos procedementos, e a filiación de familiares e ilesos para a detección de posibles deficiencias e a proposta das melloras precisas. Búscase así verificar os protocolos neste eido de acción, dado que en caso de accidente adoitan desprazarse numerosos familiares ata as instalacións aeroportuarias.
No exercicio simulouse un accidente en pista durante a manobra de aterraxe dun avión con oito persoas a bordo, entre pasaxeiros e tripulación, no que houbo dous feridos leves. O aeroporto activa o seu Plan de Autoprotección e desde a Xunta activaríase o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 2 e o Plan Sectorial de Asistencia a Víctimas e Familiares, baixo a dirección do director xeral de Emerxencias e Interior.
Debido a que o exercicio se centrou na constitución das salas de atención a familiares, na práctica só se mobilizou o persoal interno do aeroporto e medios externos previstos no Plan Sectorial de Asistencia a Vítimas e Familiares, tanto da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior como da Cruz Vermella e do Grupo de Intervención Psicolóxica (GIPCE) a través do Centro Integrado de Atencion ás Emerxencias (CIAE 112).
Activación de espazos e persoal de atención
Así, tras a activación do Plan de Autoprotección e as comunicacións pertinentes, dispuxéronse catro salas diferentes con persoal de atención e destinadas a ilesos e feridos leves da pasaxe, ilesos e feridos leves da tripulación, familiares da pasaxe e familiares da tripulación. O simulacro concluíu co traslado das vítimas e familiares aos respectivos espazos e a organización dos reencontros de xeito individualizado na sala de autoridades.
A Xunta programa e participa de xeito periódico en simulacros como ferramentas fundamentais de prevención e garantía de resposta eficaz ante as posibles emerxencias. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos, débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Autoprotección do aeroporto.