Rueda resalta o compromiso do Goberno galego coa emancipación da mocidade coa cobertura do 20 % do prezo de compra da primeira vivenda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o compromiso do Goberno galego coa emancipación da mocidade coa cobertura do 20 % do prezo de compra da primeira vivenda. O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou no acto de sinatura do convenio coas entidades financeiras Abanca Corporación Bancaria e Caixa Rural Galega para a concesión destes avais vinculados a préstamos hipotecarios. “O noso obxectivo é implantar medidas reais para facilitar que os galegos poidan acceder a unha vivenda”, indicou Rueda.
Alfonso Rueda recordou que o programa Avais para a mocidade forma parte do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025 coa intención de paliar as dificultades que teñen os máis novos para acceder a unha vivenda en propiedade, xa que aínda que dispoñan dun traballo estable, moitas veces nos teñen os aforros para o adianto da entrada. “Moitas veces é precisamente ese 20% que falta, e que non se inclúe no acordo da hipoteca, o que impide asinala”, explicou.
A mocidade que se atope nesa situación xa poderá negociar a hipoteca coas entidades financeiras coas que a Xunta asinou o convenio, xa que o prazo para tramitar as solicitudes comeza hoxe e finaliza o 30 de novembro.
O programa vai dirixido a mozos menores de 36 anos interesados en facerse cunha vivenda en propiedade que deberá ser, ademais, a súa vivenda habitual. Dará cobertura ao 20 % da hipoteca que non cobre a entidade bancaria e terá vixencia ata que o comprador satisfaga as cotas correspondentes a esa porcentaxe.
O presidente destacou que esta medida busca dar resposta a “unha demanda real” entre a mocidade. Nesta liña, resaltou que nas primeiras horas desde a publicación desta orde, xa se recibiron “arredor de 20 ou 30 peticións”.
Carta ao Goberno central
O presidente da Xunta asegurou que iniciativas como esta acreditan que o Executivo autonómico aposta por políticas de vivenda “reais, concretas e efectivas” que dean solucións aos problemas actuais da cidadanía para acceder a un inmoble.
Rueda agarda o mesmo compromiso do Goberno central e por iso, informou de que que esta mañá trasladou por carta á disposición da Xunta a colaborar en materia de vivenda. Ademais, na misiva, o presidente autonómico solicita ao Ministerio información sobre a ubicación e a dispoñibilidade dos inmobles da Sareb que van poder incorporarse ao parque de vivenda pública en Galicia así como dos terreos de Defensa nos que vai poder construírse. O presidente lembrou que os datos que anunciou o Goberno non coinciden cos trasladados pola Sareb. “Esta entidade fala de 42 vivendas, non de 1.200, e ningunha nas zonas con maior demanda”, indicou.