publicidade hoxe

Rueda erixe o traballo conxunto de Galicia e o norte de Portugal como exemplo pioneiro de europeísmo

Acto de entrega e imposición da Medalla do Parlamento de Galicia 2023

Acto de entrega e imposición da Medalla do Parlamento de Galicia 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe o traballo conxunto de Galicia e o norte de Portugal como exemplo pioneiro de europeísmo. Afirmouno no seu discurso no acto de entrega e imposición da Medalla do Parlamento de Galicia 2023 á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que tivo lugar no Pazo do Hórreo.

O titular do Goberno galego recordou que coa firma no Porto da constitución da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, no ano 1991, creáronse unhas “pontes indestrutibles que forman unha comunidade” na que se mesturan historia, cultura, lingua e fortes intereses compartidos no eido económico. Dous anos despois púxose en marcha o Mercado Único Europeo e, no ano 1995, entrou en vigor o Tratado de Schengen. Rueda, polo tanto, subliñou o carácter pioneiro dese fito que protagonizaron a rexión norte de Portugal e a Comunidade autónoma de Galicia. “O soño dunha Europa sen fronteiras empezou a ser unha realidade aquí”, remarcou.

Alfonso Rueda asegurou que ese exemplo de unidade e europeísmo ofrecido hai máis de tres décadas ten vocacións continuadora e quere ser “o exemplo no que se miren os europeístas de mañá”.

Máis de 6,4 millóns de habitantes

A colaboración transfronteiriza sumou un novo vencello ás xa estreitas relacións entre Portugal e España. Galicia e o norte de Portugal ocupan unha superficie de 51.000 km2 e concentran unha poboación de 6,4 millóns de habitantes.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal creou dez comisións sectoriais, tres comunidades territoriais e unha comisión específica que agrupa ás 18 cidades que abrangue o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

O Parlamento de Galicia concedeu a Medalla 2023 á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal polo seu labor no impulso duns lazos históricos entre os dous territorios que se traduciron tamén en fortes ligazóns sociais, culturais e mesmo económicas.

O brazo operativo da Comunidade de Traballo é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, un ente público constituído no ano 2008 pola Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal (CCDR-N). O seu presidente, António Cunha, recolleu a medalla entregada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

4 de abril de 2023 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.