publicidade hoxe

Rueda enxalza o papel do Camiño de Santiago como ruta vertebradora de Europa

XIII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas

XIII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o papel do Camiño de Santiago como ruta vertebradora de Europa pola súa aportación ao fomento e intercambio cultural entre as diferentes nacións do continente europeo. “É moito máis ca un percorrido ou turismo, é a historia de Europa e do mundo”, aseverou na inauguración en Ourense do XIII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas procedentes de 14 países, ás que cualificou de “imprescindibles” polo seu labor de voluntariado, difusión, investigación e estudo das diferentes rutas xacobeas.

Rueda incidiu na importancia destas asociacións —na actualidade existen 350 entidades deste tipo, o 60 % fóra de España— e agradeceulles a difusión que fan das diferentes rutas xacobeas e garantiulles o apoio da Xunta de Galicia para seguir potenciando o Camiño de Santiago, ao que definiu como “camiño colectivo” e ao que lle augurou “marxe de crecemento”, sempre que se faga con “sentidiño”. “E iso só o podemos facer da man dos colectivos e asociacións que o coñecedes”, defendeu.

Precisamente, salientou que, tras o récord de 2022 con datos históricos de compostelas (máis de 438.600), o inicio de 2023 está a amosar unha maior afluencia de peregrinos que no mesmo período do ano anterior. En todo caso, Rueda advertiu que a experiencia do Camiño de Santiago non debe centrarse en buscar só o aumento do número de peregrinos. “Ten que ser unha experiencia única e exclusiva”, demandou.

Por estes motivos, puxo en valor as actuacións que está a levar a cabo a Administración galega nas diferentes rutas cara a esta década que estará marcada por dous novos Anos Santos: o de 2027 e o de 2032. En concreto, referiuse ao millón de euros aprobado onte no Consello da Xunta para arranxar 75 albergues da rede pública de Galicia, unha partida que forma parte da posta en marcha do Plan Director Camiño de Santiago 2022-2027 e que prevé actuacións para a conservación dos sendeiros, incrementar a sinalización das rutas, mellorar á accesibilidade na rede de albergues, rehabilitar e actuar sobre os Bens de Interese Cultural que hai nas rutas xacobeas, así como impulsar a dixitalización do sector turístico vencellado ao Camiño.

21 de abril de 2023 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.