publicidade hoxe

Rueda enxalza a aposta da Xunta por mellorar a calidade, servizo e atención dos comedores escolares de xestion indirecta cunha suba das achegas por menú e coa supervisión dos mesmos por un nutricionista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a aposta do Goberno galego por mellorar a calidade, servizo e atención dos comedores escolares xestionados indirectamente pola Administración autonómica cunha suba do 21 % da achega por menú que reciben as empresas adxudicatarias e coa supervisión obrigatoria dun especialista en Nutrición, entre outras medidas.

Estas melloras reflíctense no novo prego de prescricións aprobado hoxe no Consello da Xunta e que rexerá a contratación da xestión de 144 comedores escolares xestionados de forma indirecta pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os vindeiros cursos 2023/24 e 2024/25, por un importe de 25,6 millóns de euros, que supón un 7,2 M€ máis que o contrato anterior.

Rueda explicou que a Xunta xestiona oito de cada dez prazas de comedor que hai en Galicia, que supoñen 60.200, repartidos en 417 comedores. A maioría deles están xestionados de xeito directo pola Xunta, mentras que o servizo de 144 comedores realízase a través dunha empresa e son, precisamente, estes comedores escolares os que se verán beneficiados por este novo prego aprobado hoxe no Consello.

Rueda salientou que a inxección económica do novo prego supón unha importante mellora do prezo por menú que a Xunta aboa ás empresas adxudicatarias, da calidade dos menús (valores nutricionais, rotación….), da atención ao alumnado usuario deste servizo, das exixencias en canto a mantemento e limpeza de instalacións, de xestión e formación de recursos humanos e de xestión ambiental, entre outros.

Incremento de prezo/menú sen repercusión para as familias

O presidente galego detallou que novo contrato que sairá a licitación nas próximas semanas eleva nun 21 % o prezo do menú que a Xunta aboa ás empresas adxudicatarias, ao pasar dos 4,82 € de media actuais aos 5,83 € a partir do vindeiro curso.

Deste xeito, segundo apuntou, permitirá que as empresas fagan fronte á suba de prezos pola inflación e garantirá que as familias galegas sigan a pagar o mesmo polo comedor, sempre en función da renda. En todo caso, lembrou que a Xunta ten conxeladas as contías do comedor desde o ano 2013 e que o 80% dos nenos e nenas teñen este servizo de balde ou pagando 1 euro.

Ademais, argumentou que este incremento vai permitir aumentar o número de escolares usuarios de comedores xestionados pola Xunta, xa que través deste novo contrato, atenderse un total de 13.091 usuarios, o que supón 1.418 novos (un 12 % máis) en comedores de xestión indirecta que asume a Xunta, preto de 600 deles atendidos ata o de agora por anpas e concellos.

Programación de menús e control nutricional

O prego aprobado hoxe polo Consello da Xunta inclúe unha serie de requisitos para garantir a mellor calidade dos menús que reciben os nenos e nenas. Así, Rueda puxo en valor que por primeira vez será obrigatoiro que todos os menús sexan supervisados por un especialista en nutrición con formación acreditada e específica neste campo con título de diplomado ou graduado en Nutrición Humana e Dietética.

O mandatario galego explicou que as empresas adxudicatarias terán que deseñar unha proposta de programación trimestral -por tramos semanais ou quincenais- onde os pratos deben cumprir coa composición, variedade, equilibrio enerxético e nutricional e calidade establecidas nos pregos e avalados polas autoridades sanitarias.

Nesta programación trimestral indicarase a composición, o valor nutricional (calorías, proteínas, lípidos, hidratos de carbono…), a técnica culinaria empregada ou tipo de aceite usado, entre outros.

Plan de provedores da zona

Rueda detallou que as empresas que concorran a esta licitación deberán presentar una listaxe pormenorizada de provedores para cada un dos alimentos ou grupos de alimentos que se vaian utilizar nos menús, coa localidade e a zona onde están instalados os ditos provedores. Ademais, subliñou o feito de que a máxima puntuación outorgarase para aquelas empresas que ofrezan máis dun 50 % de provedores situados preto do colexios aos que dan servizo.

Cómpre subliñar que se mantén o criterio establecido xa en 2019 de que a cociña central debe estar nun radio de menos de 100 quilómetros dos centros incluídos no lote.

Fomento de hábitos saudables entre os alumnos e tratamento de residuos
O presidente da Xunta precisou tamén que se terá en conta que as empresas que se presenten a adxudicación do servizo do comedor do colexio fagan propostas de actividades para fomentar os hábitos saudables e tamén que inclúan un plan de residuos e tratamento para evitar o desperdicio de alimentos .

20 de abril de 2023 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.