Rueda destaca o pulo do sector conserveiro galego que traballa para seguir liderando o mercado
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o pulo do sector conserveiro galego que traballa por seguir liderando o mercado da man da innovación e dos estándares de calidade. O titular do Goberno galego salientouno na visita que Conservas Albo organizou hoxe ás súas novas instalacións na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), que coñeceu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Para o mandatario galego, o esforzo da compañía por investir na Plisan -nunha superficie de case 25.000 m2 na que se construíu unha das plantas máis grandes e modernas do sector conserveiro de Galicia cun investimento de 30 millóns de euros- supón unha aposta por seguir liderando a industria da transformación dos produtos do mar. De feito, as instalacións de Albo incorporan tecnoloxía 4.0 para mellorar a súa competitividade, persegue a eficiencia e a seguridade no procesado do peixe e conta coas tecnoloxías dixitais que moverán a industria conserveira do futuro. “Trátase dunha aposta gañadora dunha empresa que quere ser referente mundial”, indicou.
Alfonso Rueda salientou o afán da empresa conserveira por avanzar no emprego das novas tecnoloxías, o que permitirá -ao seu entender- que Galicia siga a liderar un sector no que tradicionalmente foi pioneira e no que hoxe a Comunidade é líder. No 2022, as exportacións galegas de conservas de peixe ascenderon a 869 millóns, un 8 % máis que no 2021. Galicia, ademais, representa case o 70 % das exportacións españolas de conserva de peixe e, nese mercado, Conservas Albo mantén unha posición relevante, xa que está presente en 25 países.
O mandatario galego dixo que a marca Galicia é sinónimo de “credibilidade e de calidade” tanto en España como no exterior e que boa parte dese éxito se debe ao sector do mar e á transformación dos produtos obtidos del.
Parcelas adxudicadas na Plisan
O presidente autonómico augurou tamén un futuro prometedor para as instalacións da Plisan nas que centralizou Albo toda a súa actividade. “É un proxecto valente que está a dar os seus froitos”, subliñou. A Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves -promovida pola Autoridade Portuaria de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia- ocupa na actualidade unha superficie de algo máis de tres millóns de metros cadrados, pero xa se tramita a súa ampliación para superar os catro millóns. Actualmente están adxudicadas trece parcelas a seis empresas e está prevista unha nova poxa pública para a comercialización das que aínda están dispoñibles.
Alfonso Rueda agradeceu a implicación de todas as Administracións involucradas no seu desenvolvemento e asegurou que a Plisan é “a mellor demostración de que debemos seguir colaborando por riba de cores políticas e posicións particulares”