publicidade hoxe

Rueda cualifica de “positiva” e “frutífera” a viaxe a América na que a Xunta tendeu novas pontes de colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Intervención do presidente galego na vista a México

Intervención do presidente galego na vista a México

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosa a súa satisfacción tras a viaxe por Panamá, Venezuela e México ao asegurar que foi unha visita “positiva con obxectivos cumpridos” e que cualifica de “frutífera”, xa que que o Goberno galego tendeu novas pontes de colaboración e estreitou alianzas tanto a nivel institucional como económico e comercial.

No eido institucional, Rueda destaca a reunión “moi produtiva” mantida co presidente da República de Panamá, Laurentino Cortizo, xa que considera que se “abren oportunidades para Galicia con moitas posibilidades de intercambio empresarial e económico”, en referencia a sectores claves para a comunidade como a pesca e o turismo e noutros ámbitos nos que Galicia aspira a converterse en líder como as enerxías renovables.

Ademais, o presidente da Xunta fai un balance “moi satisfactorio” dos encontros que mantivo con empresarios e inversores en México, e dos que asegura que “se están a fixar en Galicia”. Por este motivo, apunta que lles trasladou que a estabilidade actual da Comunidade galega fai que “mereza a pena apostar por Galicia” para desenvolver os seus proxectos industriais e amósase convencido que estas reunións nas que se estreitaron lazos económicos “poden ser moi frutíferas”.
Acompañar e recoñecer o traballo das comunidades galegas no exterior
Por último, Rueda resalta a importancia desta viaxe para comprobar a fortaleza das comunidades galegas no exterior tanto no pasado -como foi o caso dos 12.000 galegos que participaron na construción da Canle de Panamá- coma no presente a través dos centros e entidades de galegos que hai por toda Latinoamérica e nos que queda patente que a colectividade mantén un forte vínculo coa súa terra natal.

O presidente enxalza o “importante labor” que realizan estas entidades e pon en valor ver como mozos e mozas destes países celebran as festas tradicionais, difunden a cultura e o folclore galego ou aprenden este idioma. “É moi importante o que fan e hai que acompañalas e recoñecerllo”, defende, ao tempo que salienta especialmente o labor da colectividade galega en Venezuela, por ser “probablemente a que estea nun dos países coa situación máis complicada, e malia iso traballan coa mesma intensidade”, valóralles.

Ao longo destes días de viaxe institucional por Panamá, Venezuela e México, o presidente da Xunta amosou o compromiso do Goberno galego en apoiar a colectividade no exterior e expresoulle o desexo da administración autonómica de facilitar o retorno de aqueles que o desexen.

18 de abril de 2023 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.