publicidade hoxe

Rueda anuncia que a Xunta inicia a tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais situando a xestión do territorio como medida de prevención fundamental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Rolda de prensa tras o Consello da Xunta

Rolda de prensa tras o Consello da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, que virá substituír a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de 2007. “Vai actualizar unha normativa que ten xa 16 anos”, indicou.

“O obxectivo é aportar unha nova visión global, froito da experiencia acumulada ata agora e incluíndo tamén as recomendacións da comisión de estudo que se creou tras os lumes de 2017”, indicou Rueda. Ademais a normativa elaborouse mediante a pertinente consulta pública previa e o proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co Servizo de Prevención e Extinción.

Tal e como resaltou o presidente, a nova lei “sitúa a xestión do territorio como medida de prevención fundamental”. Nesta liña, subliñou que un dos obxectivos principais é “impulsar a actividade agrícola, gandeira ou forestal sostible nas zonas onde hai máis recorrencia” de lumes.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, informou de que agora iníciase o proceso de información pública e a previsión é que o proxecto de lei poida trasladarse ao Parlamento “ao longo deste ano”.

O novo texto, como explicou González, artella toda unha estratexia arredor do que se dará en chamar Sistema de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, formado polo conxunto de infraestruturas, medidas e accións dirixidas tanto á prevención como á protección dos terreos agroforestais fronte aos incendios forestais, á vixilancia e investigación das súas causas, así como á súa extinción; cunha tripla planificación que incidirá de xeito determinante na prevención. “Un dos principais obxectivos da lei, e por iso gran parte das medidas van encamiñadas á planificación preventiva”, indicou.

Sistema de loita integral contra os incendios forestais

O anteproxecto avanza na forma de planificar e crea o Sistema de loita integral contra os incendios forestais que estará formado polo conxunto de infraestruturas, medidas e accións no marco de tres tipos de planificación: preventiva, da vixilancia e investigación e do dispositivo de extinción. Deste triplo deseño sairá o Plan de loita integral contra os incendios forestais de Galicia (Plifoga), un plan quinquenal que será o substituto do actual Pladiga (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia), xa que terá actualizacións anuais.

Dentro do Sistema de loita integral contra os incendios forestais, tamén se inclúe o Servizo público de loita integral contra os incendios forestais de Galicia (nova denominación) e a Rede de infraestruturas e equipamentos do sistema para a defensa contra os incendios forestais, que inclúe edificacións como as sedes dos distritos forestais, as bases de unidades operativas e as bases de medios aéreos, pero tamén novas figuras como as paisaxes cortalumes ou as áreas estratéxicas de xestión.

Planificación preventiva

Dentro da tripla planificación prevista destaca a preventiva que, a nivel autonómico, definirá o Mapa dinámico de perigo de incendios forestais, un documento técnico que reflicte a zonificación do territorio desde a perspectiva de risco de ocorrencia de incendios forestais. Este mapa terá en conta o combustible existente, a frecuencia histórica de lumes ou as súas causas e motivacións. Tamén se establecerán a nivel autonómico as zonas de alto risco de incendios, en que a frecuencia ou virulencia dos lumes e a importancia dos valores ameazados fan necesarias medidas especiais de protección e para as que se terán en conta as mesas abertas de traballo, unha canle de participación pública nova. Estas zonas permitirán definir no nivel de distrito as áreas estratéxicas de xestión, zonas de actuación singularizada no territorio en que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios. Nesta liña, o conselleiro resaltou que a galega vai ser a primeira lei autonómica que recolla “a creación destas áreas estratéxicas de xestión”.

Continuamos cos plans preventivos do distrito, que ampliarán os actuais plans preventivos municipais concretando a estratexia operativa e o marco de desenvolvemento das actuacións preventivas dentro do seu ámbito territorial. Deberán establecer as faixas de seguridade primarias, secundarias e terciarias, darán orientación para a alternancia de teselas de diferente inflamabilidade, identificarán zonas para facer queimas prescritas e os puntos de vixilancia fixa e a rede de puntos de auga, ademais de todos os medios dispoñibles de prevención e extinción. Mentres, os catálogos municipais de infraestruturas e medios de prevención recollerán a rede de pistas, vías, camiños, estradas e terreos de titularidade municipal, así como os núcleos de poboación e as faixas de seguridade secundarias, ademais das infraestruturas preventivas e dos medios de extinción dos que se dispón no termo municipal.

Sistemas preventivos vinculados ao territorio

A actual lei emprega ferramentas para actuar sobre o territorio co obxectivo de previr a ocorrencia de incendios forestais e/ou diminuír as súas consecuencias no caso de producirse, como a rede de faixas ou a aplicación de silvicultura preventiva. No novo anteproxecto amplíanse estes instrumentos e perfecciónanse os que xa están incluídos.

Desta maneira está previsto dispor primeiramente -dentro dos sistemas preventivos vinculados ao territorio- das paisaxes en mosaico, que son a configuración heteroxénea dun territorio predominantemente forestal xerada pola inserción de usos agrícolas, gandeiros ou forestais que modifican o modelo de combustible, dificultando a propagación do lume ou facilitando a actuación dos medios de extinción. Para o seu desenvolvemento, propóñense as paisaxes cortalumes, cuxas descontinuidades na biomasa procurarán a diversificación agroforestal do territorio freando ou atenuando os efectos dos incendios coa implantación de actividade sustentable. Así, dentro destas paisaxes cortalumes, prevese impulsar os polígonos cortalumes no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, as agrupacións forestais de xestión conxunta -especialmente diversificando as masas forestais ou a plantación de especies autóctonas-,actividade agrogandeira ou árbores frondosas autóctonas ou froiteiras nas faixas de seguridade e as súas ampliacións (para estes efectos, o ámbito de solo rústico dentro do perímetro dunha aldea modelo poderá ser considerado paisaxe cortalume), e sistemas silvopastorais e gandería en extensivo.

Máis aló das paisaxes cortalumes, apóstase pola diversificación das masas forestais por medio da definición de teselas de distinta inflamabilidade e combustibilidade no plan de distrito ou pola silvicultura preventiva que no novo texto se incorpora transversalmente en todas as accións que se desenvolvan no espazo agroforestal.

Mentres, mantense o sistema de faixas de seguridade (primarias -de estradas e vías férreas-, secundarias -as máis próximas ás vivendas- e terciarias -de camiños, pistas e devasas en terreo forestal, fundamentalmente-), terreos onde se ha de garantir o cumprimento das distancias que deben manter as especies arbóreas previstas na lei e o control e a eliminación total ou parcial da biomasa vexetal. Mantense a clasificación pero regúlase -como novidade- a facultade de proceder mediante orde a unha ampliación de ditas faixas, se fose necesario. E tras a inclusión na Lei de medidas dos orzamentos deste ano, incorpórase na regulación que os apercibimentos para a xestión da biomasa preto das casas serán válidos por un período de catro anos, co gallo de proceder a unha execución subsidiaria máis áxil. No marco dos sistemas preventivos asociados ao territorio, hai que aludir tamén ás queimas prescritas, aplicación directa do lume a combustibles forestais, planificado e executado baixo condicións meteorolóxicas precisas.

Sistemas preventivos vinculados á poboación

No caso dos sistemas preventivos que se dirixen á poboación créase un sistema de información que facilitará os datos cartográficos das medidas vixentes que afecten a cada parcela e, así, poderanse consultar vía web as zonas de alto risco, as áreas estratéxicas de xestión e faixas de seguridade, os usos permitidos segundo o Catálogo de solos agrícolas e forestais e medidas preventivas para cada parcela, superficies queimadas e prazo das limitacións de uso e actividades.

Tamén contemplará as áreas recreativas habilitadas para a preparación de alimentos, estado do Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) ou actividades limitadas, tales como as prohibicións e suspensións de queimas de restos agrícolas e forestais, o emprego de foguetes e artefactos pirotécnicos, o uso de explosivos, entre outros.

Outras novidades

No caso da vixilancia, detección e extinción dos incendios forestais, establécese que nas concesións e novos proxectos de infraestruturas en terreos agroforestais e na zona de interface urbano-forestal poderase solicitar a instalación de medios de vixilancia ou infraestruturas de prevención como complemento da rede existente. Ademais, as persoas titulares de infraestruturas e instalacións que dispoñan de equipamentos tecnolóxicos de videovixilancia deberán facilitar o acceso a eles ao Servizo público de loita integral contra os incendios forestais.

Noutra orde de cousas, créase o Consello de Loita Contra os Incendios Forestais de Galicia, órgano colexiado consultivo e de asesoramento, adscrito á consellería responsable en materia de prevención e extinción de incendios forestais, que terá como obxectivo a análise e o estudo das políticas públicas relativas á prevención e extinción de incendios forestais, así como a xeración de propostas estratéxicas de mellora. Prevese tamén conformar unha unidade administrativa de carácter multidisciplinar de análise, planificación e avaliación, dentro do Servizo público de loita integral contra os incendios forestais.

A maiores, poderá fomentarse a creación de grupos de vixilancia municipal, formados por persoas voluntarias que superen os requisitos de selección, formación e adestramento que se establezan, co obxecto de colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais. Así mesmo, para poñer en valor e promover o consumo dos produtos obtidos nas faixas de seguridade e nas paisaxes cortalumes, a Xunta poderá ademais crear e rexistrar marcas de garantía e realizar campañas de publicidade e promoción.

20 de abril de 2023 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.