Román Rodríguez sinala que o recoñecemento de Máster de Excelencia permite avanzar nun sistema universitario máis innovador, especializado e competitivo
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, sinalou hoxe o recoñecemento de Máster de Excelencia como unha das accións para “mellorar e avanzar cara un Sistema Universitario Galego máis competitivo e innovador e centrado na calidade”. Así o salientou na entrega desta mención ás tres novas titulacións que a acadan nesta edición, en concreto os másteres en Matemática Industrial (impartido entre as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo), en Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) e en Produción Xornalística e Audiovisual (da Universidade da Coruña).
No acto, no que participaron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, Román Rodríguez felicitounas polas elevadas puntuacións que os másteres recoñecidos acadaron en todos os aspectos valorados, o que reflicte “o seu nivel de solvencia científica, técnica e formativa”.
Nove mencións de excelencia
A Xunta de Galicia outorga este ano a mención de excelencia a tres novos másteres universitarios, polo que xa son nove as titulacións que acadan este selo de calidade nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O ano pasado acadárona o Máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (UDC), o Máster Universitario en Enxeñería Informática (UDC) e o Máster Universitario en Enxeñería Ambiental (USC).
Deste xeito, xa son nove as titulacións que a día de hoxe acadan este selo de calidade pioneiro implantado hai tres anos, co obxectivo de fixar unha estratexia coordinada.
As primeiras titulacións que obtiveron este recoñecemento -cunha vixencia de cinco cursos académicos e posibilidade de renovarse por períodos sucesivos de igual duración- foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (ambos da Universidade da Coruña) e en Enxeñería Ambiental (Universidade de Santiago de Compostela) no ano 2020. No ano 2021 incorporaron este selo o máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo).
A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento e supón unha garantía de futuro para os estudantes. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario.
Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.
Outros aspectos que se tiveron en conta foron os resultados do máster (enquisas de satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral…), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.