publicidade hoxe

Román Rodríguez salienta a función da inspección como supervisora da calidade, equidade e excelencia do ensino

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou nas II Xornadas de Formación da Inspección Educativa, que se celebran ata mañá en Santiago. Na súa benvida, destacou o papel destes profesionais como “árbitros dos que dependen a avaliación e a supervisión da calidade, da equidade e da excelencia do ensino”. Enmarcou ademais estas xornadas “no compromiso dos inspectores por seguir avanzando e mellorando desde tres puntos clave: a innovación, a formación e a transformación dixital”.

“Nun escenario con tantos cambios lexislativos a nivel nacional é imprescindible estar mellor preparados que nunca”, sinalou o conselleiro. “Confío en que estas xornadas vos sirvan para reflexionar, dialogar e ampliar coñecementos, e que a través do voso traballo continuedes traballando en prol da excelencia do sistema educativo de Galicia”, rematou.

As xornadas de formación contan coa presenza de reputados expertos do eido educativo, como o investigador especialista en estratexias de ensinanza, aprendizaxe e educación e profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, Carles Monereo; o presidente da Fundación Europea Sociedade e Educación, Miguel Ángel Sancho, ou Jaime Antonio Ferrer, avogado experto en Dereito da Educación.

O sábado a xornada estará liderada pola recoñecida pedagoga sueca e catedrática emérita de español da Universidade de Lund, Inger Enkvist. Autora de numerosos artigos e ensaios sobre os problemas da educación e a ensinanza na Europa contemporánea, a profesora ofrecerá o relatorio Ideoloxías na educación actual e como afectan ao nivel de coñecementos do alumnado. Ademais, protagonizará unha charla-coloquio con Darío Villanueva.

14 de abril de 2023 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.