O DOG publica a aprobación do decreto que intensificará o control da seguridade viaria das estradas autonómicas coa realización de auditorías e inspeccións das vías
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto para a xestión da seguridade das estradas de Galicia, co que se intensificarán as inspeccións na rede viaria autonómica para garantir a maior seguridade viaria para todos os usuarios.
Este decreto, aprobado no Consello da Xunta do pasado día 30 de marzo, introduce varios instrumentos para reforzar a xestión da seguridade das estradas: as avaliacións de impacto da seguridade viaria, as auditorías de seguridade viaria, as avaliacións da seguridade das estradas e as inspeccións de seguridade viaria.
En primeiro lugar, a avaliación de impacto da seguridade viaria consistirá na realización dunha análise estratéxica comparativa da repercusión dunha estrada nova ou da modificación substancial dunha vía xa existente sobre a seguridade da rede de estradas, e levarase a cabo na fase inicial de planificación.
En segundo lugar, efectuaranse auditorías que se centrarán na comprobación independente, pormenorizada, sistemática e técnica da seguridade das características do deseño dun proxecto de estradas, aplicada ás diferentes fases que van desde a planificación á explotación na súa fase inicial.
En terceiro lugar, procederase tamén á avaliación da seguridade das estradas do conxunto da rede, clasificando en categorías os tramos das vías en servizo e avaliando o risco de que se produzan accidentes. Isto permitirá dar continuidade e reforzar liñas de actuación como a estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes, que leva desenvolvendo a Xunta nos últimos anos con 35 actuacións nas estradas autonómicas.
Para isto, será precisa a avaliación sobre o terreo ou por medios electrónicos das características de concepción da estrada e a análise dos treitos que estiveron en explotación máis de 3 anos e nos que se produciu un número elevado de accidentes graves en proporción ao volume de circulación.
Por último, nas estradas en explotación levaranse a cabo inspeccións de seguridade viaria, que poderán ser de tipo periódico ou específico.
As inspecciones periódicas incluirán a comprobación das características e os defectos que exixen unha intervención de mantemento por motivos de seguridade. Así, estas actuacións levaranse a cabo como parte dos traballos de conservación ordinaria e coa frecuencia suficiente para garantir niveis de seguridade adecuados.
Pola súa parte, as inspeccións específicas consisten nunha investigación para detectar condicións perigosas, defectos e problemas que aumentan o risco de accidentes e lesións, a partir dunha visita in situ a unha estrada ou tramo de estrada en servizo.
Este decreto foi sometido a información pública e conta cos informes preceptivos do Servizo Xurídico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Secretaría Xeral de Igualdade, da Consellería de Emprego e Igualdade, da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e, finalmente, do Consello Consultivo de Galicia.
Co decreto publicado hoxe no DOG trasponse tamén a Directiva 2008/96/CE do Parlamento Europeo, de acordo co previsto no Plan de Seguridade Viaria de Galicia, 2022-2025.
Deste xeito, A Xunta, con este decreto, realiza a transposición da norma pero ampliando aínda máis o ámbito de aplicación, de modo que se inclúan as estradas convencionais, xa que é nelas nas que se producen a maior parte dos accidentes con vítimas na rede autonómica de estradas.