O conselleiro de Sanidade pon en valor o traballo dos profesionais no marco das XIV xornadas de vacinas da Asociación Española de Pediatría
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou hoxe, no Auditorio municipal de Ourense, as XIV Xornadas de vacinas da Asociación Española de Pediatría, nun acto no que destacou que “as vacinas constitúen un dos instrumentos máis eficaces e efectivos cos que conta o sistema sanitario actual”. Segundo Comesaña, esta afirmación está avalada na nosa comunidade polos datos que se desprenden das coberturas de vacinación infantil, “con cifras próximas ao 100% nas idades máis temperás, e que superan o 85% na vacinación dos adolescentes”. Ao respecto, destacou o traballo, esforzo e dedicación dos profesionais, que dan prestixio aos programas de vacinación.
Segundo o conselleiro, a implantación, en setembro do pasado ano, do calendario de vacinación para toda a vida, “supón un fito neste campo”. Esta medida, ademais do avance que supón en si mesma, e de agrupar o calendario infantil e de adultos que xa existía, inclúe novas vacinas, o que fai que aumente a protección contra algunhas enfermidades infecciosas que se poden previr mediante a inmunización, “e converte a Galicia nunha das comunidades co calendario máis completo”. Entre as novidades inclúense, por primeira vez para todos os nenos galegos, a vacina fronte ao virus do papiloma humano nos varóns; a vacina fronte ao meningococo B; e de xeito pioneiro, a vacina antigripal para os nenos e nenas de 6 a 59 meses.
A cobertura de vacinación antigripal para a cativada, con case un 55%, amosa a aceptabilidade desta medida, -dixo Comesaña. “Grazas ao traballo dos pediatras, a cobertura de vacinación en menores, de 5 a 12 anos, está en Galicia case 30 puntos por riba da media española”, -afirmou en relación á inmunización fronte á covid-.
Neste ano, Galicia reforzará o seu calendario vacinal para toda a vida coa incorporación do anticorpo monoclonal fronte ao virus sincitial respiratorio e a vacina fronte ao rotavirus para as nenas e nenos galegos e, esta semana, incorporouse a vacinación fronte ao herpes zóster para todas as persoas que cumplan este ano 65 e 80 anos, -concluíu o conselleiro-.