publicidade hoxe

O 061 de Galicia asistiu 105 persoas por 75 accidentes de tráfico durante a Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa 105 persoas debido a 75 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do mércores, 5 de abril, ata as 23,59 horas do domingo, 9 de abril. O xoves foi o día que rexistrou máis sinistros, con 24 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 90 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 75 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 105 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 60 % e do 40 %, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 26 % dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 36 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

A Coruña: 21
Lugo: 11
Ourense: 7
Pontevedra: 36
Total Galicia: 75

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 107. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en oito accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 84 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 14 accidentes.

En 96 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en nove ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

10 de abril de 2023 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.