publicidade hoxe

Galicia será a rexión convidada na edición 2023 da Porto Design Biennale

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Galicia será a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica. Así se anunciou hoxe durante a presentación realizada na escola de deseño esad-idea, en Matosinhos (Portugal), na que se adiantaron as liñas mestras do evento, que terá lugar a partir do 19 de outubro.

Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza e o labor da Fundación Artesanía de Galicia.

Este fito permitirá reforzar de xeito significativo a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións. A de 2019 mobilizou arredor de 50.000 persoas ao longo de 81 días de actividades e a de 2021 logrou manter a repercusión nun contexto de restriccións pola pandemia grazas ao deseño dun programa mixto presencial-online.

A participación protagonista de Galicia no evento será coordinada por David Barro, asesor do programa Diferenza e director da Fundación Didac, como comisario da rexión convidada.

A programación incluirá unha exposición de gran formato que permanecerá aberta en Matosinhos durante toda a duración da Porto Design Biennale, un proxecto editorial, conferencias e talleres, actividades todas elas centradas no deseño para a innovación e a artesanía con selo galego.

Galicia colaborou xa nas anteriores edicións da Porto Design Biennale, cunha mostra colectiva de deseño galego en Porto en 2019 e a presentación do programa Diferenza na edición de 2021, ademais da acollida no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) da exposición Arquivo da materia viva logo do seu paso por Matosinhos.

A edición 2023 preséntase como unha oportunidade para consolidar a alianza de Galicia e o norte de Portugal desde un punto de vista estratéxico e creativo e como punto de partida para a posta en marcha de máis iniciativas comúns.

19 de abril de 2023 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.