Galicia seguirá consolidando as relacións comerciais con Polonia no sector enerxético, a automoción e as infraestruturas
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, no seminario Oportunidades de investimento no mercado polaco, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.
No encontro, o vicepresidente primeiro explicou que Galicia seguirá consolidando as relacións comerciais con Polonia no sector enerxético, a automoción e as infraestruturas. Neste sentido, este país europeo é o sétimo destino das exportacións galegas, que medraron en 2022 un 21% con respecto ao ano anterior e un 85% con respecto a 2019, e que conta con 355 empresas que realizaron vendas a este destino, 12 con implantación comercial e tres con implantación produtiva.
O vicepresidente económico tamén se referiu ao motor económico que supón o turismo e informou de que Galicia recibiu en 2022 un total de 4272 peregrinos de Polonia que recibiron a Compostela, un 132 % máis que en 2021.
Conde asegurou que este encontro supón unha oportunidade para que Galicia poida contribuír á reconstrución e ser parte da solución ao impacto que está tendo a guerra en Ucraína.