publicidade hoxe

Galicia, Asturias e Cantabria únense para solicitar ao Goberno central unha maior flexibilidade nos requirimentos da nova PAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+
José González participou nunha reunión telemática cos seus homólogos de Asturias e Cantabria

José González participou nunha reunión telemática cos seus homólogos de Asturias e Cantabria

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, veñen de participar nunha reunión telemática cos seus homólogos de Asturias e Cantabria. Na reunión as tres administracións acordaron solicitar ao Goberno Central unha maior flexibilidade nos requirimentos da nova Política Agraria Común (PAC), para o período 2023-2027.

Os gobernos autonómicos consideran que, tendo en conta a previsión nos prazos establecidos no Real decreto no que se enmarca este novo período da PAC, -explicou o titular do Medio Rural- apréciase unha notable lentitude e cautela na toma de decisións por parte dos agricultores e gandeiros á hora de presentar as súas solicitudes, debido ao importante calado das novidades introducidas na PAC.

Así mesmo, os tempos de tramitación das solicitudes por parte das entidades colaboradoras son máis elevados que en campañas anteriores debido a que a aplicación nacional de captura de datos non estaba totalmente operativa a 1 de marzo de 2023 e aínda hai melloras previstas a incorporar na aplicación informática, asegurou José González.

Deste xeito, o conselleiro indicou que é necesaria a ampliación do prazo de presentación de solicitudes cando menos ata o 30 de xuño e do prazo de prazo de modificación das mesmas ata o 15 de xullo de 2023. Así, o fin é evitar que potenciais beneficiarios non poidan presentar correctamente a solicitude por unha previsible saturación das entidades colaboradoras.

A maiores, o titular do Medio Rural recalcou que se trata dunha base xurídica totalmente nova e que se publicou máis tarde do previsto, imposibilitando unha planificación eficaz da campaña 2023, atrasando que os agricultores e gandeiros coñezan con detalle as normas que regulan esta PAC e xerando numerosas dúbidas, especialmente sobre a aplicación dos ecorreximes, a condicionalidade reforzada e das axudas agroambientais.

Polo tanto, as tres administracións autonómicas demandan que, excepcionalmente nesta campaña 2023, se simplifique a xestión da solicitude da PAC sen que sexa necesaria a captura de información non relevante para realizar os pagos das axudas e, en caso de que se detecten incumprimentos nos requisitos das axudas directas e os controis de condicionalidade reforzada, non supoñan penalizacións adicionais nas parcelas que xa se determinasen como admisibles, sinalou José González.

Por último, tanto a Xunta como os gobernos de Asturias e Cantabria consideran necesario que na campaña deste ano se permita o uso en todos os casos dun caderno de explotación en formato papel, atrasando a entrada en vigor do formato dixital a partir do 1 de xaneiro de 2024 de forma progresiva para a súa implantación o 1 de xaneiro de 2025. Neste sentido, o conselleiro explicou que hai que ter en conta que se trata dunha novidade nun sector que, polas súas características de idade e formación, non está totalmente preparado para afrontar este reto e pode provocar o abandono significativo da actividade agraria e de zonas rurais con efectos socioeconómicos negativos.

25 de abril de 2023 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.