Emigración destina 7.500 euros á Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (Aeru) co obxectivo de continuar co seu labor de información
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou co presidente da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (Aeru), Celso Domínguez Búa, o convenio para o mantemento da súa oficina de información en Caldas de Reis, destinada a asesorar aos galegos do exterior que optan por regresar a Galicia.
A Secretaría Xeral colabora con esta asociación cun convenio de colaboración de 7.500 euros co obxectivo de ofrecer aos emigrantes retornados á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de retorno e adaptación á sociedade galega.
Esta entidade agrupa a un número importante de socios da provincia de Pontevedra e configúrase como un punto de referencia ao que cada día acoden as persoas retornadas reclamando os seus servizos, polo que está desenvolvendo un importante labor social a favor dos emigrante galegos retornados e dos seus descendentes.
A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (Aeru) é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito provincial que naceu en 2013 co obxectivo de dar resposta ás demandas dos emigrantes retornados e de cara a prestar un servizo de orientación e asesoramento orientado a facilitar a súa integración na sociedade galega.
Esta entidade complementa o labor de información e apoio aos galegos que regresan que desenvolve a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.