Emigración abre o prazo de solicitude das axudas extraordinarias ao retorno cun orzamento de 1,7 M€
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria da liña de axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e que teñen como obxectivo axudarlles a afrontar os gastos excepcionais que supón o seu asentamento na comunidade autónoma (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230410/AnuncioC3B0-240323-0001_es.html). En total, a Xunta destina a este fin un orzamento para 2023 de 1,7 millón de euros.
O fomento do retorno dos galegos e galegas do exterior é unha das liñas estratéxicas do Goberno autonómico para facer fronte ao reto demográfico, non só como unha cuestión poboacional, senón que se trata tamén de sumar talento para enriquecer o tecido empresarial con profesionais de ampla experiencia e formación.
A axuda pódese solicitar dende o martes 11 ata o próximo 29 de setembro.
O importe da axuda establécese en función dos puntos obtidos ata chegar a un límite de 6000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, e en función do número de fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos 5 anos, Venezuela, a Arxentina, o Brasil, Cuba, Uruguai, México, o Reino Unido, os Estados Unidos e Chile. A maioría dos beneficiarios eran fillos de nacidos en Galicia, aínda que se está a notar un aumento no número de netos retornados.
Todos os galegos e galegas do exterior que desexen volver a Galicia contan co apoio da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno, situada nas principais cidades galegas e onde se lles facilita toda a información que precisan no seu regreso, mesmo antes de que se produza esta volta, desde o seu país de residencia.