As probas Celga arrancarán o próximo 13 de maio simultaneamente en Santiago e Ponferrada
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as datas das probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, que terán lugar simultaneamente nas dúas sedes habituais, Santiago de Compostela e Ponferrada (León), entre o 13 de maio e o 3 de xuño.
Os exames para obter o Celga 4 serán o sábado 13 de maio para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido comece por algunha das letras comprendidas entre o ‘v’ e o ‘g’, e o 14 de maio para o resto de aspirantes. As demais probas terán lugar para todas as persoas admitidas, independentemente do seu apelido, o 20 de maio para o Celga 3, o 21 de maio para o Celga 2 e o 3 de xuño para o Celga 1.
Respecto ao lugar de realización, en Santiago serán, para os niveis 2, 3 e 4, no instituto IES Antonio Fraguas Fraguas, mentres que o Celga 1, que só se avalía en Compostela, terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Pola súa parte, a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada acollerá o total das probas convocadas en León.
A proba escrita, a primeira delas, comezará ás 9,00 h., polo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. A porta de acceso ao centro mais a aula asignada a cada persoa para a realización da dita proba poderá consultarse a mesma semana do exame no Portal da Lingua Galega.
Respecto da proba oral, esta terá lugar o mesmo día que a escrita. A hora concreta na que cada persoa deberá estar presente no lugar establecido para o chamamento publicarase no centro correspondente, así como no Portal da Lingua Galega, unha vez que remate a proba escrita. A resolución completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.