Ábrese o prazo para solicitar as axudas de Respiro Familiar que permiten estancias en residencias, centros de día e o pago dunha persoa coidadora no fogar
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Respiro familiar que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias, centros de día ou se contrate unha persoa coidador para o fogar, que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais.
A través deste programa, a Xunta de Galicia financiará o 100 % da estadía en calquera centro residencial da Comunidade sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar ou dunha estadía nun centro de día.
O Goberno galego investirá 880.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso. Mediante estas axudas, o Executivo autonómico favorece o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes e con discapacidade.
O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende deberá ter recoñecido un grao II ou III de dependencia, unha discapacidade en grado igual ou superior ao 75 % ou ben ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria.