A Xunta saca a concurso o contrato para a prestación do servizo aéreo de rescate de Gardacostas para os próximos catro anos
O Consello da Xunta aprobou hoxe iniciar a tramitación do concurso para a contratación do servizo aéreo de rescate de Gardacostas de Galicia para os próximos catro anos. Esa licitación permitirá que o organismo dependente da Consellería do Mar dispoña de dous helicópteros para actividades de busca e salvamento, inspección pesqueira e loita contra a contaminación mariña.
O contrato ten como finalidade blindar un servizo esencial que exixe operatividade as 24 horas e os 365 días do ano e un tempo de resposta ante calquera emerxencia de 10 minutos, fundamental para salvar vidas tanto no litoral da comunidade como en zonas do interior de difícil acceso.
A licitación realízase por un período inicial de catro anos (2023-2027) e por un importe global de preto de 45 millóns de euros. Non obstante, hai posibilidade de prórroga e tamén de incremento das horas de voo por circunstancias excepcionais, polo que o valor estimado do contrato ascende a preto de 58 millóns de euros contabilizando os cinco exercicios, desde o actual ata 2028.
O obxectivo é que o novo contrato entre en vigor o 1 de novembro deste ano -o que está vixente extínguese o 31 de outubro- e que se estenda ata o 31 de outubro de 2027, ou de 2028 en caso de que se execute a posibilidade de prórroga.
Os requisitos exixidos ás empresas candidatas promoven o desenvolvemento dos labores de salvamento nas costas de Galicia con aeronaves modernas e dotadas das últimas tecnoloxías. Ademais de requirir as características técnicas máis avanzadas -como unha velocidade máxima igual ou superior aos 150 nós, un peso máximo de despegue igual ou superior a 6.400 quilos, capacidade para catro tripulantes e 10 náufragos ou unha potencia de despegue superior á dos modelos actuais-, o concurso outorga puntos adicionais polo emprego de helicópteros construídos despois do ano 2015.
Experiencia das tripulacións
A maiores, na elección da empresa adxudicataria teranse en conta as ofertas económicas, a experiencia dos integrantes da tripulación (comandantes, copilotos, rescatadores e operadores de grúa) e o número de horas de voo sen custo para a Administración -ata un máximo de 100- que oferten as candidatas.
O contrato pretende garantir o servizo fundamental que prestan na actualidade os helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e Pesca 2, con base en Celeiro (Viveiro), para o salvamento de vidas tanto no mar como en terra, posto que ademais de intervir en accidentes no litoral da costa galega tamén participan en emerxencias no interior cando se trata de zonas de difícil acceso como nos montes ou zonas escarpadas.
De feito, o traballo das dúas aeronaves do Servizo de Gardacostas de Galicia contribuíu en boa medida a que, desde a súa creación en 1990, este organismo dependente da Consellería do Mar salvase máis de 1.700 vidas. Este labor é vital para unha comunidade que é a única de España que conta cun servizo de salvamento propio e que pon os seus medios a disposición tanto de Salvamento Marítimo do Estado (Sasemar) como doutros servizos de emerxencias para aquelas operacións nas que se considera necesario recorrer aos seus medios.
Os dous helicópteros -que deberán ter capacidade para facer rescates a unha distancia de 180 millas náuticas e unha autonomía mínima de catro horas- desenvolverán tarefas de rescate, pero tamén actuacións relacionadas co resto de obxectivos do Servizo de Gardacostas, o seguimento e control da actividade pesqueira e a loita contra a contaminación mariña accidental.