publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a IXP Ternera Gallega no marco da 36ª edición do Salón Gourmets

36ª edición do Salón Gourmets

36ª edición do Salón Gourmets

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu esta mañá a un obradoiro infantil para poñer en valor a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, no marco da 36ª edición do Salón Gourmets. O taller está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración co Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carnes de Vacún de Galicia. Alí, o conselleiro puxo de relevo a IXP Ternera Gallega e o resto de indicacións xeográficas protexidas participantes nesta feira.

De feito, Ternera Gallega, o indicativo de calidade cárnico que más certifica en España -case un 60%-, é a protagonista das clases maxistrais que se organizan no stand de Medio Rural de Gourmets, onde están presentes como coexpositoras 29 empresas. O taller, que está impartido polo nutricionista Eloy Figueiras e no que participan uns 800 nenos de colexios da Comunidade de Madrid, consiste nunha charla acerca de Galicia e todo o relacionado coa IXP Ternera Gallega, dende o labor que desempeñan as familias gandeiras galegas ata coñecementos específicos sobre a alimentación, ademais dunha degustación do produto.

Así, teñen presenza no obradoiro os produtos co selo Ternera Gallega Suprema, que proceden de explotacións tradicionais con base territorial, con vacas nais e no que se garanten cando menos 7 meses de lactancia, dentro da IXP Ternera Gallega. Así, destaca por ser unha marca de calidade diferenciada resultado da tradición e do respecto ao medio ambiente, que aposta polo benestar animal, pola biodiversidade e pola xestión do territorio.

Os produtos de calidade galegos no Salón Gourmets

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun stand que está formado por dúas illas que albergan un total de 29 empresas agroalimentarias. Nunha desas illas hai 20 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, nove adegas e coexpositores doutras bebidas espirituosas. Ademais, neste posto tamén hai espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se realizan diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira.

Deica mañá seguirán desenvolvéndose numerosas actividades baixo a organización da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Ademais das actividades das indicacións xeográficas protexidas de vacún de Galicia, tamén haberá catas tanto de viños galegos premiados nas últimas Catas de Galicia como doutros indicativos de calidade como os licores e augardentes tradicionais da nosa comunidade, ademais doutros produtos como queixos das diferentes denominacións de orixe protexidas ou propostas coas indicacións xeográficas protexidas de Mel, Castaña ou Pataca de Galicia, entre outras.

18 de abril de 2023 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.