publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de mellora de 32 paradas de autobús na estrada AC-552 ao paso polos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, cun investimento de 1,3 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaArteixoCarballoLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de iniciar as obras para mellorar 32 paradas de autobús na estrada autonómica AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, que suporán un investimento autonómico de 1,3 M€.

Os traballos de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade comezaron pola parada de autobús situada en Paiosaco, na zona próxima á entrada da autoestrada AG-55, e as obras continuarán avanzando en sentido Carballo.

As intervencións céntranse na mellora de 32 paradas de autobús situadas ao longo de 15 km da vía autonómica AC-552 so seu paso por estes tres municipios, comezando polo acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.
Nas intervencións tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

As actuacións son financiadas con fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, tamén, con fondos FEDER 21/27.
Intervencións
No marco destas intervencións, en primeiro lugar, tense en conta a localización da parada e a súa localización óptima en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometen nas infraestruturas consisten en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras inclúen medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

10 de abril de 2023 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.