A Xunta habilita un novo servizo de autobús entre Caranza e a estación de Ferrol para conectar a primeira hora coas liñas afectadas polas obras na avenida das Pías
A Xunta habilitará desde mañá un novo servizo de autobús entre Caranza e a estación de autobuses de Ferrol para conectar á primeira hora coas liñas afectadas polas obras na avenida das Pías.
Os usuarios poderán empregar durante o día a liña Caranza-praza Vella, a liña C, para acceder aos servizos de media e longa distancia que sairán da estación directamente cara á AP-9 mentres duren as obras na estrada FE-14, de competencia estatal, que o Ministerio de Transportes estima ata mediados de maio de 2024.
Á primeira hora da mañá, para facilitar os transbordos, esta liña adáptase para rematar o seu itinerario na estación de autobuses e engádese unha nova expedición máis cedo das actuais, que sairá de Caranza ás 06,00 horas e chegará á estación ao redor das 06,15 horas.
O novo servizo permitirá aos usuarios enlazar coas catro liñas que conectan Ferrol coa Coruña nesa franxa horaria.
A adaptación de todos os servizos de autobús afectados foi consensuada co Ministerio de Transportes, co Concello de Ferrol e coa Asociación de Veciños de Caranza.
No marco desta configuración, as liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo, tanto as que realizan o seu percorrido por estrada como as que son directas pola AP-9, sairán e chegarán á estación de autobuses de Ferrol directamente desde a autoestrada.
O resto das liñas, que teñen como cabeceira a estación de autobuses ou a praza de Galicia, realizarán un percorrido alternativo ao treito cortado da avenida das Pías empregando a rúa Telleiras e a avenida Castelao.
Os servizos Caranza-praza Vella manteranse sen cambios ata que a ponte de Caranza se corte definitivamente. Nese momento, o percorrido realizarase pola rúa Telleiras, a avenida de Castelao e avenida do Mar. Esta adaptación afectará tamén á nova liña entre Caranza e a estación de autobuses de Ferrol.
Na páxina web www.bus.gal pódese consultar a información relativa a estes servizos de transporte público.