publicidade hoxe

A Xunta destinará 11 M€ ao complemento autonómico do Bono Social Térmico para axudar a 74.400 fogares nas facturas da enerxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou o visto e prace dado hoxe polo Consello da Xunta ao pagamento do bono social térmico e do complemento autonómico de 150 euros que axudará a 74.400 fogares galegos —44.000 deles considerados vulnerables severos— co pagamento das facturas da enerxía para calefacción, cociña e auga quente. Deste xeito, o Executivo autonómico destina 11,2 millóns de euros a este complemento.

“Trátase dun acordo importante para seguir garantindo a protección dos cidadáns máis vulnerables e que máis precisan a axuda da Administración”, argumentou o mandatario galego para defender este complemento que, segundo concretou, oscilará entre un mínimo de 412 euros e un máximo de 947 euros, en función da situación económica da familia e da zona climática de Galicia onde resida.

Rueda explicou que os fogares que sexan destinatarios desta axuda, que son os mesmos que teñen descontos na súa factura co bono social eléctrico do Goberno central, non teñen que facer ningún trámite e recibirán o ingreso na súa conta de xeito automático. Nos vindeiros días recibirán na súa casa unha carta que lles informará da contía que se lles transferirá e da conta bancaria en que se fará o ingreso.

Unha vez confirmados os datos por parte do beneficiario, considérase que se comecen a realizar os pagamentos progresivamente a mediados do vindeiro mes de maio. Con este complemento, a Xunta de Galicia axuda aos fogares a aliviar parte da carga que supón o incremento dos gastos enerxéticos.

27 de abril de 2023 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.