publicidade hoxe

A Xunta convoca a nova edición do programa de intercambio literario con Irlanda

Presentación da terceira edición do programa de intercambio

Presentación da terceira edición do programa de intercambio

A Xunta de Galicia convoca a terceira edición do programa de intercambio literario con Irlanda para a proxección exterior das letras galegas. Consiste nunha bolsa de traslado, manutención e aloxamento ao longo dun mes para poetas galegos no Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, situado no campestre contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico. É un lugar aberto a profesionais en todas as formas da arte.

No caso das residencias artísticas para poetas irlandeses, a estadía será na Residencia 1863 de A Coruña, un apartamento do século XIX no casco histórico herculino que combina residencia con centro de xestión cultural. O autor seleccionado de Irlanda traballará e investigará en Galicia durante o vindeiro mes de setembro, mentres que o escritor galego fará o mesmo desde Irlanda.

Ata o 17 de maio

As solicitudes deberán presentarse ata o día das Letras Galegas, 17 de maio de 2023, ás 22,00 h. no enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com. Poderán concorrer individualmente calquera poeta maior de 18 anos nacido ou residente en Galicia ou Irlanda con ao menos un libro de poesía publicado en galego.

Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Residencia Literaria 1863. Primeiro estableceuse un intercambio con Xeorxia e, posteriormente con Irlanda denominado intercambio en residencia Aodh Ruadh Ó Domhnaill. Está dirixido a poetas e complétase co dirixido a tradutores. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a coordinadora da iniciativa Yolanda Castaño, recibiron ao seleccionado na última edición. Trátase do estadounidense Jacob Rogers, un dos máis destacados tradutores do galego ao inglés que traballou ao abeiro deste programa na Coruña na tradución de Illa decepción, de Berta Dávila e Ninguén queda, de Brais Lamela.

4 de abril de 2023 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.